Opinión

Tarifa eléctrica galega

EMPEZAMOS o ano con dous datos que deben darnos para reflexionar sobre o presente e o futuro de Galiza. O primeiro, avanza o deserto demográfico: o ano pasado rexistrou o menor número de nacementos desde que hai estatísticas. Seguimos perdendo poboación. O segundo, desmantelamento industrial: só en 2018 Galiza perdeu 8.500 empregos na industria. Naturgy, despois de obter 800 M€ de beneficio neto, anuncia que pecha a central de Meirama e Alcoa retrasa a xuño a decisión de colgar o cartel de pechado.

Hai que denunciar que isto é un proceso descarado de deslocalización. Importaremos alumino na vez de producilo. E coa destrución de tecido industrial seguirá a invernía demográfica, pois é imposíbel reverter esta negativa tendencia sen expectativas dun futuro mellor, servizos públicos de calidade e igualdade de xénero.

A pregunta que debemos facernos é se temos que resignarnos a este presente precario e a un futuro incerto? A miña resposta é clara: non. A destrución de industria non é froito da casualidade. É o resultado de varios factores, entre eles, un marco enerxético inxusto. Inxusto porque está feito para que as eléctricas obteñan grandes beneficios e para privilexiar a Madrid, que consume pero non produce.

É un disparate que, sendo Galiza exportadora neta de electricidade, non teñamos ningún beneficio. Soportamos os custes ambientais e sociais e non temos ningu­nha compensación. Ao contrario, asistimos a un retorno en forma de destrución de emprego e pobreza enerxética. Cambiar esta situación é vital para o futuro do país.

Desde o BNG levamos tempo poñendo sobre a mesa u­nha alternativa legal, viable e xusta: a defensa dunha tarifa eléctrica galega que rebaixe a factura da luz. Como? A través de dous mecanismos. O primeiro, rebaixando as peaxes eléctricas que soportamos os territorios que exportamos de media un 25 % da produción eléctrica, de xeito que se reduza a factura que pagamos particulares e empresas. O segundo, creando unha tarifa estable para as empresas electrointensivas, que acabe coas incertezas do modelo actual, permita competir cos mercados do noso entorno e asegure o emprego e o retorno social.

Esta alternativa é a que impulsa o BNG e que será debatida no Parlamento de Galiza o vindeiro 29 de xaneiro. Agardo que agora que o PP xa non ocupa a Moncloa deixe de boicotear unha proposta legal e beneficiosa para o conxunto da sociedade galega. Non podemos seguir perdendo trens mentres outros avanzan.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG