Opinión

Si, estamos «até a cona»

Manifestación feminista
Manifestación feminista

Hai apenas un mes, o presidente do Goberno do Estado era preguntado pola discriminación salarial das mulleres. Resposta literal: «No nos metamos en eso». Con motivo do Día internacional contra a violencia de xénero a Xunta agasallounos cunha campaña paternalista e cousificadora na que se compara ás mulleres con significativos monumentos do país, baixo o lema «O máis grande de Galiza non se maltrata». Esta campaña foi rexeitada por todas as forzas políticas e por diferentes asociacións e colectivos feministas por cousificadora, paternalista e neomachista. E todo polo módico prezo de 180.000 euros. En vésperas do Día Internacional da Muller, o BNG lanza a súa campaña para desenmascarar ese neomachismo do PP e as súas políticas que perpetúan a desigualdade, replicando co contundente lema de «O máis grande de Galiza está até a cona». De que? Da desigualdade e da violencia que temos que aturar polo simple feito de sermos mulleres. De cobrar menos polo mesmo traballo, de que conciliar sexa unha carreira de obstáculos que recae case en solitario nas nosas costas, de teitos de cristal, de precariedade laboral, de soportar a violencia machista que nos maltrata e asasina, de levar a peor parte só por ser mulleres. O PP reaccionou escandalizado, o mesmo PP que desde o Goberno da Xunta incumpre a Lei de Igualdade, o mesmo que incumpre a Lei contra a violencia de xénero, que en dez anos non puxo en marcha ningunha medida contra a brecha salarial, o mesmo PP que aplicou todos os recortes que incrementaron a desigualdade das mulleres. Honestamente, o escandaloso non está en expresar o fastío das mulleres con ese «até a cona», o escandaloso é que unha galega cobre 4.513 euros menos por facer o mesmo traballo sen que a Xunta mova un dedo. Escándalo é que moitas teñan que facer dobre xornada para poder conciliar, mentres os gobernos escatiman en escolas infantís, centros de día e nos dereitos de conciliación. Escándalo é que asasinen 60 mulleres cada ano sen que se converta nunha cuestión de estado, que cada semana haxa unha denuncia de violación e se despachen aconsellándonos que non saiamos soas á rúa, que se rexistren máis de 5.000 denuncias por violencia machista e aquí non teñamos sequera xulgados especializados en todas as cidades. As mulleres non queremos ser o máis grande de Galiza, non queremos que nos comparen con monumentos. O que queremos é un emprego digno, cobrar o mesmo, vivir sen violencia e romper cos chans pegañentos e os teitos de cristal. A historia dinos que os avances veñen da man de mulleres que se atreveron a ser irreverentes e incómodas. Rosalía de Castro alporizou os sectores conservadores en 1863 por publicar Cantares gallegos na lingua que falaba o pobo. Setenta e dous anos antes, Olympe de Gouges foi guillotinada por unha revolución francesa que non aceptaba que a declaración dos dereitos dos homes fose tamén a das mulleres.

A principios do século XX, a sufraxista Emily Davidson deu a súa vida por mostrar no Derby real unha pancarta reclamando Votes for Women. En 1967, Kathrine Switzer sufriu insultos e empurróns por correr na Maratón de Boston.

Son algúns dos nomes propios que é necesario rescatar da memoria das invisíbeis. A súa ousadía contribuíu a espertar conciencias, sumar máis persoas á causa da igualdade e cambiar a súa propia historia e a de todas e todos nós. Ese é precisamente o espírito que move a campaña lanzada polo BNG de cara a este 8M: xerar debate e poñer o dedo na chaga, contestando desde o politicamente incorrecto que a violencia machista e a discriminacións ás mulleres non se combaten con celebracións rituais, e menos con campañas paternalistas e neomachistas. Iso si nos escandaliza.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 7 de marzo de 2018.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG