Opinión

Orzamentos 2020: Retrato dun Feijoo esgotado

Cunha crise industrial de norte a sur, e 6.000 empregos en xogo, só neste sector sería esperable que Feijoo destacase as medidas que inclúe nas contas para contrarrestar a situación. Pero non. No comunicado oficial saca peito polo mero feito de ter aprobado os orzamentos: a rutina elevada á categoría de gran política!

Presume de rebaixas fiscais -tan queridas por un PP que se ri da función distributiva dos impostos-, e repítese a etiqueta de «orzamentos sociais», aínda que a realidade da sanidade, educación, dependencia ou as contías das pensións pouco teñan a ver coa ufana autocompracencia de Feijoo. Por citar un exemplo: só en atención primaria os recortes da última década suman 2.000 millóns de euros.

Pese ao culebrón dos 700 millóns, nin unha mención a que Galiza soporta un sistema de financiamento centralista e inxusto que nos fai perder 3.500 cada ano, recursos que poderían sumarse os orzamentos para blindar os servizos públicos, apostar pola dinamización dos sectores produtivos, recuperar posicións en I+D+i e sentar as bases dunha reactivación económica capaz de traducirse en empregos de calidade.

Non hai mellor antídoto contra a crise demográfica, nin mellor política natalista que un traballo estable cun salario que permita chegar a fin de mes. Sumémoslle medidas de conciliación reais e servizos públicos de calidade e empezaremos a reverter o problema a pasos acelerados.

O emprego é a primeira preocupación dos e das galegas, e non se vai resolver encomendándose ao Apóstolo co Xacobeo 2021. O turismo, e menos se é low cost, non pode ser a única alternativa laboral; por ese camiño non imos conseguir que 200.000 mozos e mozas emigradas retornen co seu talento e proxectos vitais.

 Galiza ten un enorme potencial, pero necesita un Goberno a súa altura. Os orzamentos de Feijoo mostran un Executivo sumido na rutina, sen ideas, incapaz de dar resposta os grandes retos, un Goberno tan esgotado como o ciclo político de quen o preside. É hora de mirar cara a futuro con ambición e confianza no país.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 20 de outubro de 2019.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG