Opinión

Galiza merece máis

Sería alentador pensar que os orzamentos do PP van solucionar o paro, a precariedade, as listaxes de espera, a fenda salarial ou atender as persoas dependentes, mais a realidade é ben diferente e a propaganda non arranxa os problemas deste país.

Os orzamentos insisten nun modelo fracasado e non van mellorar os servizos públicos, nin sentar as bases dun novo modelo produtivo -autocentrado, innovador e sustentábel- que cree emprego estábel con salarios decentes. Son o espello dun Goberno esgotado, rutineiro e sen proxecto de futuro. O Goberno de Feijoo non deixa unha herdanza de prosperidade, deixa unha Galiza máis endebedada, con menos emprego e máis precariedade, cos salarios e as pensións máis baixas do Estado e cunha xeración perdida na emigración.

Temos uns orzamentos lastrados por un financiamento inxusto, mais Feijoo, en lugar de defender un concerto económico que nos daría máis recursos, teima en defender o mesmo esquema centralista. E o máis grave, usa a escuálida capacidade fiscal para facerlle agasallos aos ricos, mentres o común dos galegos e das galegas non notarán as anunciadas rebaixas de impostos. Iso si, seguiremos vendo como se deterioran os servizos públicos. Confunde política social con cemento. Sen recuperar e ampliar o profesorado e o persoal médico expulsado polos recortes, non avanzaremos cara a un estado do benestar forte.

A principal preocupación dos galegos e das galegas é o emprego, pero nestes orzamentos non hai un plan para industrializar a base produtiva, pechar ciclos e xerar valor engadido, nin unha aposta pola I+D+i, -Feijoo situounos á cola da innovación-, nin pola economía circular.

O proxecto estrela é o Xacobeo 2021. Como se un país co potencial en coñecemento, no agro, no monte, na pesca, na robótica ou na produción enerxética tivese que resignarse a un turismo de baixo custo.

Falta confianza en Galiza e visión de futuro, con propostas como unha tarifa eléctrica galega que nos permita usar os nosos recursos, para evitar peches como o que ameaza a Alcoa.

Falta valentía e proxecto de país. Galiza merece máis. Moito máis.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 20 de outubro de 2018.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG