Opinión

Evencio, moito máis que un gran alcalde

Carballo
Carballo

Evencio deixa un Carballo mellor, máis xusto, máis próspero, con máis e mellores servizos, con orgullo

A primeira vez que coñecín a Evencio foi nunha visita que fixen a Carballo sendo eu unha adolescente que militaba nas mocidades de Galiza Nova, e lembro perfectamente con que incredulidade acollín as súas palabras de que era un concello con moito potencial. Todas as persoas que coñecesen o Carballo de hai trinta anos comprenderán o que quero dicir. Até que en 2003, aquel compañeiro do BNG colleu o bastón de mando. O resto xa é historia.

Evencio é o mellor alcalde que nunca tivo Carballo e a súa pegada quedará para sempre, porque gobernou desde o compromiso, desde a humildade, desde a dedicación plena e, sobre todo, desde o amor polo seu concello. É aí está o resultado: un Carballo en grande, polo que todos os veciños e veciñas senten un profundo orgullo, un orgullo inmenso de ser de Carballo.

Hoxe Carballo é un exemplo de dinamismo económico, social e cultural. Non é por casualidade, é grazas ao traballo incansable de quen exerceu como capitán dunha tripulación de homes e mulleres que nunca escatimaron esforzos nin ambición, e é tamén o resultado dun proxecto político claro, demostrando a capacidade do BNG de transformar en positivo e de mellorar a vida da xente nos concellos que goberna.

Evencio deixa un Carballo mellor, máis xusto, máis próspero, con máis e mellores servizos, con orgullo. Baixo o seu liderado, a vila avanzou en infraestruturas, en cultura, en participación cidadá e en benestar social, sempre coas persoas como prioridade, cunha forma de facer política seria, honesta e próxima, desde o diálogo e coa man tendida.  

Un político con maiúsculas

No momento da súa despedida, podemos dicir que foi moito máis que o mellor alcalde da historia de Carballo: Evencio converteuse nun referente, un político con maiúsculas dos que dignifican este nobre oficio de servir ao ben común. Nestes tempos de ruído e de furia, é un mérito incalculable e, para min, como portavoz nacional do BNG, un exemplo a seguir e unha persoa pola que sinto un inmenso respecto e aprecio.

O mellor recoñecemento o seu labor é continuar traballando polo Carballo en grande que hoxe nos deixa como legado e non teño ningunha dúbida de que así será, co empuxe do gran equipo que conforma o goberno municipal e de quen asume o reto de coller o seu relevo. Carballo mola, claro que si, e é o espello desa outra Galiza posible que o BNG quere poñer en marcha.

Grazas Evencio, por tanto.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 3 de outubro de 2025.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG