Opinión

Que non nos conten loias sobre Mercosur

O  acordo UE-Mercosur, do que tanto se fala nestes días e que é denunciado polos gandeiros nas tractoradas nas vilas galegas, abre a cota a importar 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 toneladas de carne de ave e 45.000 toneladas de mel. Estas importacións dos países do Mercosur como Arxentina, Paraguai, Brasil e Uruguai van supor unha competencia desleal que ameaza o medio rural galego, xa bastante abandonado polos distintos Gobernos. Este acordo leva negociándose 25 anos e responde a outros intereses, e para o sector agrogandeiro galego suporá unha competencia desleal debido á entrada de produtos agrarios e gandeiros de países do Mercosur con estándares diferentes.

O impacto máis grave vai ser  no sector cárnico e provocaría que a carne deses países entre a prezos máis baixos e con menores esixencias sanitarias, medioambientais e laborais, deixando as granxas galegas (a maioría, de tamaño familiar) nunha difícil situación económica que aumenta aínda máis o risco de abandono de explotacións e do campo galego. A carne estaría en situación de desvantaxe competitiva, porque unha explotación familiar de carne galega non é unha macroexplotación no Brasil: non é o mesmo un bisté que vén dunha granxa situada a 20 quilómetros da túa casa, que pasa controis sanitarios frecuentes, que fomenta o emprego de xente nova no campo, ca un que viaxou 6.000 kilómetros e que beneficia aos grandes terratenentes. 

No mes de decembro, o Parlamento Europeo votou sobre as salvagardas que podería ter este acordo, como suspendelo temporalmente e as preferencias arancelarias se se detecta un prexuízo aos gandeiros e agricultores en produtos sensibles como a carne. Nós, no BNG, apoiamos emendas que pedían que, se esas importacións pasaban do 5 % interanual e baixaban os prezos da carne, se activasen medidas de salvagarda como frear as importacións dese produto, fronte ao 10 % que defendía a presidenta Ursula von der Leyen e que pretendían aprobar, sen modificacións, tanto PP como PSOE. É dicir, tiveron a oportunidade de protexer os nosos produtores con garantías máis estritas, e decidiron conscientemente non facelo malia as demandas do noso sector. Ambos os partidos, PP e PSOE, galego e español, así como os Gobernos galego e español botan foguetes a favor do acordo UE-Mercosur, por moito que estes días o PP diga que son eles, e ninguén máis, os defensores do medio rural. 

Unha das palabras candidata a ser palabra galega do 2025 foi loia. O bulo ou loia que conta o PP para ocultar que apoian o acordo UE-Mercosur ten nomes e apelidos, Ursula von der Leyen, goberna en Europa e é do PP, da mesma familia política có presidente Rueda; o responsable, do Parlamento Europeo na Comisión de Comercio Internacional é do PP español, e o responsable do Mercosur da Comisión de Asuntos Internacionais é do PP galego. Que non nos conten loias, pois o PP está a apoiar que a UE use como moeda de cambio o sector gandeiro galego! 

Este acordo afecta a moitas explotacións familiares de Galiza que producen carne e que poden ser substituídas por macroexplotacións doutros países. Nós non contamos loias, nós defendemos e defenderemos os nosos gandeiros sempre. Por iso, non apoiaremos co noso voto este tratado UE-Mercosur.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 14 de xaneiro de 2026.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG