Opinión

Galiza por diante

Chama a atención o afán de minusvaloración -e mesmo degradación- que realizan certos opinadores da dereita sobre a toma de acordos estratéxicos do BNG para que Galiza siga contando no Parlamento Europeo cun escano útil e eficaz para a defensa dos intereses do noso país. É unha mágoa que a cultura do acordo, común na Europa moderna, sexa desprezada cando a practicamos uns e se poña en valor cando os pactos son entre PP, Ciudadanos e Vox. 

O espazo da dereita civilizada quedou baleiro e hoxe asistimos á radicalización do seu discurso, que ataca todo o que soe a diversidade, liberdades e dereitos, desde a lingua á igualdade de xénero, desde o dereito ao aborto á sanidade e o ensino público. O españolismo saíu do armario e está á ofensiva. E fronte ás súas políticas de fake news, de crispación, de desigualdade e de imposición da «España una», o BNG amosou capacidade para, ao tempo que garantimos que Galiza teña en Bruxelas quen a defenda, axudar a crear un espazo aberto e amplo, que se ofrece como resposta cívica das persoas demócratas do conxunto do Estado fronte á involución democrática.

 Cómpre lembrar un pouco da historia do BNG no Parlamento Europeo, onde levamos desde o 2004 con acordos de coalición, motivados pola circunscrición electoral estatal destes comicios. Estivemos con organizacións vascas e catalás de diversas tendencias, e sempre tendo plena autonomía de actuación nos temas galegos.

As nosas coalicións foron sempre ferramentas para garantir que Galiza tivese voz propia e tamén vías para mostrar a diversidade política e a pluralidade nunha Eurocámara que cada vez vira máis á extrema dereita. Velaí a nosa diferenza co PP de Feijoo, que traizoa en todos os grandes temas os intereses da sociedade galega e pon por diante os de Madrid, os do PP e os da trama empresarial afín ao seu partido. As galegas e os galegos non precisamos tutelas e ninguén vai dárnolas. Precisamos dunha Xunta que actúe como goberno do noso país e non permita a estafa da AP-9; que actúe fronte ao Estado para corrixir o feito de termos as segundas pensións máis baixas; que dinamice a nosa economía e poña fin á fuxida de empresas e á emigración da mocidade do noso país.

Oxalá Núñez Feijoo tivese claro que, como presidente da Xunta, Galiza vai antes ca Madrid. Oxalá defendese a sociedade galega como o fai o BNG. Se non chegamos a levar nós a rede do xeito cos mariñeiros a Bruxelas no 2015, hoxe 400 embarcación estarían amarradas! Se non chegamos a levar ás vítimas do tren no 2015 a Bruxelas, non teriamos a decisión do xoves pasado da Comisión Europea de esixir ao Estado responsabilidades pola traxedia de Angrois!

Defendemos moitos temas de pesca, agricultura, demografía, preferentes, hipotecas, sanidade, megaminerías como Corcoesto, saneamento das rías, redes transeuropeas de transporte e corredor atlántico, todo sen tutelas, coas galegas e galegos por diante. E que dicir de temas como o dos refuxiados? Subir a un barco como fixen eu para contar a traxedia das persoas refuxiadas, ou tentar chegar até Gaza para denunciar o bloqueo, cos dereitos humanos da man. E quixera saber eu se a resolución contra o neofascismo se fixo soa... Non, unha das relatoras era a eurodeputada do BNG.

Sería inxenuo pedir fair play a quen considera que en política todo vale. Eu non o considero así.

 E quen de verdade importa, a sociedade galega, sabe que o escano do BNG en Bruxelas é un escano ao servizo de Galiza. Mágoa que Feijoo non poida dicir o mesmo dos seus. Nas vindeiras europeas, a papeleta de voto en Galiza porá BNG e a xente poderá optar entre os amigos do PP apoiados por Vox ou un BNG cun traballo incondicional na defensa do noso pobo.

 

Artigo publicado en La Voz de Galicia o 29 de xaneiro de 2019.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG