Balance económico do BNG do ano 2016

O Consello Nacional acordou trasladar a toda a militancia do BNG o balance económico (ingresos e gastos da organización nacional) durante o ano 2016. A continuación, esta información pasará a ser pública, pendurándose na páxina web oficial do BNG.

Este balance recolle unicamente a actividade política do BNG durante o 2016, fóra dos dous procesos electorais que tivo que enfrontar: xerais do 26 de xuño e galegas do 25 de setembro. A contabilidade referida a estas dúas campañas xa foi informada no seu día á militancia e pendurada na web nacional do BNG.

Á hora de interpretar correctamente os datos, cómpre lembrar que este -2016- é o primeiro exercicio no que o BNG non ten presenza no Congreso dos deputados, polo que os ingresos vinculados á subvención e aplicación de Carta Financeira ás dúas deputadas nesa institución se suprimen. Baixan así os ingresos nesta partida en 535.800 euros. Aínda así foi posíbel desenvolver dúas campañas electorais, ademais da actividade política (Día da Patria e Festigal, campañas, actos públicos, etc.), do funcionamento orgánico do BNG, e do cumprimento estrito das amortizacións da débeda.

A única razón que explica a superación desta situación tan adversa ten a ver, exclusivamente, coa entrega e o esforzo militante. Fomos quen de vencer colectivamente a restrición de recursos, tanto cunha prolongada cota extra para sufragar o custo dos dous procesos electorais, como polo traballo militante en moitos eidos da nosa actividade, e a continuidade dunha rigorosa política de aforro.

En relación con este balance, o Consello Nacional valorou como evidente síntoma de consolidación e mellora organizativa do BNG o incremento substancial de ingresos no que ten a ver co esforzo e achegas de militantes e simpatizantes (singularmente o incremento de cotas, mais tamén doazóns de representantes institucionais, achegas diversas, venda de lotaría, rifas e material de propaganda, etc.).

A conclusión é ben clara: A entrega militante e o traballo da súa base social organizada fan do BNG un caso único no concerto de formacións políticas existentes na Galiza e no Estado español. Non hai ningunha outra na que o compromiso da súa militancia supoña unha porcentaxe similar nos ingresos, segundo os propios informes de fiscalización oficiais. Así, no exercicio 2016, as achegas por esta vía supoñen o 70,86% do total de ingresos. Caso único no Estado.

Todo isto cobra máis valor tendo en conta o impacto da crise económica nunha parte moi importante da nosa militancia: os dramas do desemprego, da emigración, da precariedade e explotación no posto de traballo, dos baixos salarios, non son situacións alleas á vida dun segmento relevante da nosa militancia, o que repercute na capacidade económica colectiva.

Estes son os datos concretos dos ingresos obtidos no ano 2016:

INGRESOS PROPIOS
1.322.780,27
Cotas de militantes
672.208,83
Achegas de cargos públicos
433.420,34
Outros ingresos
20.391,10 *
Venda lotaría
196.760,00
 
SUBSIDIOS INSTITUCIONAIS
543.942,37
Parlamento da Galiza
339.261,17
Xunta
199.048,12
Liquidación remanente Grupo Mixto do Congreso
5.633,08
TOTAL INGRESOS
1.866.722,64

(*).- A maiores, pendentes de liquidar ingresos procedentes dalgunhas comarcas.

No tocante aos gastos nacionais, estes son os datos concretos correspondentes ao ano 2016:

GASTOS  
Compra de lotaría
165.340,00
Alugueiros (nacionais e IRPF de todos os locais)
21.030,46
Reparacións e conservación
863,96
Servizos xurídicos
10.778,53
Asesoría laboral
6.080,64
Outros servizos
8.722,00
Transportes
101,13
Seguros
1.656,34
Comisións
3.882,20
Propaganda política (non electoral)
34.968,02
Teléfono fixo
42.296,77
Teléfono móbil
22.898,94
Auga
865,04
Correos
4.880,94
Electricidade
7.964,65
Outros servizos (prevención riscos laborais, base de datos, web, fotocopiador, comunidade, subscricións)
33.731,70
Gastos de persoal
526.905,22
Transferencias ás comarcas
44.945,26
Transferencia á coalición Nós Candidatura Galega
83.050,00
Transferencia á coalición BNG-Nós (Xerais)
91.200,00
Transferencia á coalición BNG-Nós (Galegas)
139.680,00
Ampliación de capital da Fundación Galiza Sempre (Transferencias en 2016)
35.000,00
Gastos financeiros
77.821,00
Amortización de préstamos
469.500,79
TOTAL GASTOS
1.834.162,62

 

* A asemblea de traballadoras e traballadores do BNG acordou, máis unha vez, a conxelación dos seus salarios durante o ano 2016 como contributo ao saneamento financeiro da organización. En casos, mesmo houbo doazóns á organización da metade da masa salarial durante todo o 2016. Esta partida inclúe tamén o pagamento da seguranza social e IRPF a traballadoras e traballadores contratados polas comarcas.

O saldo final rexistrado no ano 2016 é favorábel: 32.560,02 euros de superávit.

Gráfico evolución débeda

 

* Cómpre ter presente que, a diferenza doutras organizacións políticas, o BNG non gozou de ningunha condonación de débeda ou trato de favor por parte de ningunha entidade bancaria.

Gráfico patrimonio neto

Finalmente, queremos trasladar os criterios políticos que explican a evolución positiva das finanzas do BNG:

  1. Os obxectivos primordiais seguen a ser acadar a superación da débeda contraída e depender en maior medida dos ingresos propios da organización. O camiño emprendido vai xustamente nesta dirección.
  2. As decisións políticas adoptadas nos procesos electorais -campañas austeras, mais dignas e fundamentadas no traballo militante- considerámolas acertadas desde unha perspectiva de responsabilidade colectiva e de coherencia política.
  3. Nada do enunciado sería posíbel sen a participación e o traballo da militancia nacionalista. Non temos palabras para expresar o noso orgullo por este compromiso militante. Queremos parabenizar a militancia do BNG pola súa entrega e polo resultado deste inxente esforzo colectivo.

Segundo o aprobado na Carta Financeira en vigor, os informes económicos están a disposición da militancia. Cada militante ten dereito a obter información sobre a situación económico-financeira da organización. No caso de desexares obter datos máis detallados non tes máis que pórte en contacto coa sede nacional do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG