O PP rexeita crear unha comisión para formular propostas que resolvan o problema lácteo

A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz reclamou crear unha comisión con presenza da Xunta de Galiza, organizacións de produtor@s, plataforma do sector lácteo e demais elos da cadea para facer seguimento do acordos de Madrid e realizar propostas que resolvan a grave problemática do sector

Tereixa Paz lendo o Acordo do Leite

A deputada do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe na Comisión de agricultura constituír unha comisión que formule propostas para resolver a grave situación do sector lácteo galego así como o seguimento dos recentes acordos de Madrid dos que dixo, “discriminan ao sector galego”.

Os acordos de Madrid unha “infamia” para Galiza

Na intervención, Tereixa Paz afirmou que os acordos de Madrid, asinados pola totalidade da distribución, industria, cooperativas e dunha única organización dos e das produtoras, e rexeitado polo resto do sector que manifestou a súa discrepancia porque non respondía nin as expectativas nin acordos previos por parte do Presidente da Xunta e a ministra Tejerina xa que non establecía garantía para a cobertura dos prezos pactados nos diferentes contratos sobre os custes de produción nas granxas. Paz lembrou que durante moito tempo falouse duns indicadores para establecer os prezos pero “nada diso” aparece no acordo así como algún mecanismo para abordar unha negociación efectiva na que “gandeiros e gandeiras tivesen algunha capacidade negociadora e non só a asunción de prezos establecidos pola industria”.

Acordos trufados de inconcrecións

Asemade, engadiu que os acordos non establecen ningunha medida de arbitraxe, nin mecanismo de garantía para verificar o cumprimento dos acordos e contratos en aras da rapidez e eficacia nin prazo para aplicar as medidas do acordo.

Tereixa Paz na Comisión de Agricultura

Dende o día 23 de setembro e tras ser publicada a orde de axudas de 300 euros por vaca, que a deputada cualificou de “infame” porque “discrimina ás explotacións galegas”, onte mesmo coñeciamos que o Ministerio establecía un prezo de 25,8 céntimos para acceder as axudas pero en realidade a cantidade percibida polas explotacións, reiterou, e “dobremente infame” porque a maioría non pasa dos 2.000 ou 3.000 euros por explotación” cantidade, que “non cubre nin sequera as perdas da metade do mes de abril”.

Outra gran mentira do PP

Pouco máis de 5.000 explotacións galegas,explicou a nacionalista accederán as axudas pero moi poucas ou case ningunha se achega aos 2.000 euros de axuda como prometeu o PP.

Sobre os novos contratos a deputada asegurou que non ofrecen melloras e mesmo hoxe publicaba a prensa que subiu o leite para o consumid@r, nunha media de cinco céntimos por litro, sen embargo para as granxas só repercute nun céntimo. Tras as mobilizacións dos gandeiros as distribuidoras comprometéronse a pagar máis, “cousa que tampouco están a facer”.

Finalmente a parlamentaria criticou que Carrefour utilice o leite como “reclamo” sen que isto represente consecuencia algunha para a distribuidora a pesar do dano que ocasiona ao sector.

Pola súa parte, a portavoz do PP, Isabel Pacín anunciou o voto en contra á proposta do BNG para crear unha comisión que formule propostas que resolvan a situación do sector lácteo ao que replicou a nacionalista que si o PP nin sequera está a favor desta iniciativa, o BNG propuña unha emenda de engádega para “disolver a consellería de Medio Rural”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG