Erradicación do terrorismo machista, prioridade política e social para o BNG

O BNG condena o último asasinato machista que nesta ocasión acabou coa vida de Conchi no concello de Ponte Sampaio, e fai un chamamento ao conxunto da cidadanía e aos poderes públicos para evitar calquera tipo de comportamento machista ou de discriminación de xénero, por considerar que son o caldo de cultivo da violencia contra as mulleres que ten a peor faciana na sucesión de crimes execrables que está derivando nun auténtico feminicidio.

Acto denuncia do terrorismo machista

“Chamamos ás institucións e a toda a sociedade para que manteña moi alta a garda fronte aos comportamentos machistas que crean as condicións que rematan en feitos criminais, que se repiten semana tras semana no que xa se empeza a considerar un verdadeiro feminicidio”, salientou o portavoz nacional, Xavier Vence.

O BNG aprobou no Consello Nacional unha campaña de denuncia e sensibilización fronte a todo tipo de comportamentos machistas que difundirá por todo o país ata a data do 25 de novembro, “para esixir que a Xunta poña en marcha novas medidas de sensibilización social e tamén de apoio ás mulleres que son acosadas ou vítimas de violencia de xénero, ás que non se lles pode escatimar ningún tipo de apoio, nin económico, nin de amparo”, instou o dirixente nacionalista.

Non chega con condenas puntuais ou meras declaracións arredor das datas obrigadas do calendario, como o vindeiro 25 de novembro, senón que todos os días deben ser xornadas contra a violencia machista e situar o fin dos feminicidios como unha prioridade absoluta nas actividade política.

Maiores recursos materiais e humanos, protocolos rigorosos con persoal cualificado para a vixilancia do seu cumprimento son cuestións prioritarias porque, ademais da resposta penal, é necesario avanzar no acompañamento efectivo ás mulleres e realizar un labor preventivo e educativo maior que contribúa á concienciación social fonda sobre a realidade da violencia machista.

Desde o Bloque faise un chamamento á participación en todas as convocatorias e actos públicos de condena da violencia machista, como unha maneira de visualizar esta lacra social e de combatela e, neste sentido, cualifica de “exemplar e necesaria” a mobilización do feminismo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG