O BNG pide no Parlamento abrir todas as camas hospitalarias pechadas

Montse Prado reclamaba demais un informe sobre a “situación real” das listas de espera e derivacións á sanidade privada

Montse Prado

 Pleno.- A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha moción para “abrir todas as camas hospitalarias pechadas” porque pasado o verán con xustificacións de “mal pagador”, afirmou, o peche só ten unha razón, “beneficiar á sanidade privada” polo que pediu unha rectificación ao Partido popular e transparencia nos datos.

Para a deputada existe, por unha parte unha sanidade pública que padecen todos os galegos e galegas e a “propaganda do Partido popular que tenta convencernos dunha realidade virtual” que pouco ten a ver coa que vivimos todos os días.

As políticas do PP non son “abstractas”, afectan a persoas

As consecuencias das políticas do PP, “non son abstractas” afectan a persoas con nomes e apelidos como a doente que acudiu ao CHUAC morrendo horas máis tarde no hospital. A muller, de 72 anos ingresou o pasado 12 de Outubro para ser atendida no servizo de urxencias permanecendo “72 horas nunha cadeira”, situación, dixo a deputada, que foi denunciada polos familiares ante a situación caótica do servizo. O médico que atendeu á muller considerou que debía ser trasladada á planta para ser atendida pero foi trasladada a unha unidade de reingreso na que permaneceu ata o xoves, “catro días de espera dunha enferma de cancro” . Mentres isto acontecía, relatou a deputada, permanecían pechadas as camas da cuarta planta, peches de camas que tamén se rexistran en diversos hospitais galegos.

Montse Prado

A parlamentaria recriminou ao PP a súa intención de votar en contra da iniciativa nacionalista que ao seu entender, só responde a favorecer á perda de camas no sistema sanitario público galego mentres “na sanidade privada aumentan ”, igual que o volume de negocio. Os servizos privados, engadiu, levan o 50% do orzamento da consellería de Sanidade e o PP, reprobou, “ non quere mudar esta situación”.

O BNG pide activar a contratación de persoal na Sanidade pública galega

Por outra parte, a nacionalista tamén reclamou unha “contratación de persoal decente” e preguntou porque o Partido popular vota en contra de elaborar un informe da realidade das lista de espera e as derivacións da sanidade pública á privada, “se non teñen nada que ocultar, inquiriu, voten a favor do informe”.

A parlamentaria lamentou que o portavoz do PP, Aurelio Centeno anunciara o voto en contra e replicou que si o PP está tan convencido de que non se producen reingresos debería dar o seu voto afirmativo a elaboración do informe reclamado polo BNG, “ou teñen medo de que se coñeza a realidade”, remarcou.

Lonxe de apostar pola Sanidade pública galega, o PP segue apoiando a sanidade privada derivando enfermos ao sistema privado e mesmo ameazándoos de “retiralos das listas de espera, no caso de negarse a ir á Sanidade privada”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG