O BNG pide elevar ao 50% a presenza de mulleres nos programas de opinión da CRTVG

Montse Prado

O Director xeral da CRTVG, Alfonso Izquierdo recoñece que a porcentaxe do 30% “non é satisfactoria” pero afirmou que o 50% que reclama o BNG  “non funciona”

Montse Prado formula a pregunta na Comsión da CRTVG

A parlamentaria do BNG, Montse Prado preguntou hoxe na Comisión de Control da Compañía da RTVG sobre a presenza de mulleres nos programas de opinión, análise e debate da Radio Galega e da TVG.

Tras a intervención do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo que a pesar de recoñecer a baixa porcentaxe de mulleres nestes programas asegurou que elevar ao 50% a presenza feminina “non funciona”, manifestou que as veces resulta moi difícil atopar mulleres que accedan a participar nestes espazos. A parlamentaria replicou que, unha vez máis, o responsábel da CRTVG, “bota balóns fora” e lembrou que as mulleres somos o 50% máis un da poboación e non pode reducir a un terzo a súa presenza nos programas de opinión. Esta situación, dixo é desproporcionada e merece una corrección.

Montse Prado afirmou que ás mulleres, “nunca nos regalaron nada”, e o papel que temos foi conquistado con moito suor, sangue e báguas. Durante moitos anos loitamos polo dereito a estar, opinar e votar pero sempre “se nos esixe máis que a calquera home” en todas as ordes da vida. Loitamos diariamente por ocupar un lugar que sistematicamente nos é negado. Pola contra, constatamos como os opinadores elixidos para os programas poden ser “mediocres” e con menos méritos que moitas mulleres, “é non pasa nada”.

Montse Prado

A parlamentaria fixo un percorrido polos programas de opinión, análise e debate emitidos a través da Radio galega e TVG para evidenciar que nalgúns programas a ausencia das mulleres é total e no resto “case anecdótica” polo que volveu a reclamar “unha maior presenza de mulleres elevando o número, polo menos, dixo, ao 50%”.

Tratamento informativo da realidade galega na RTVG

Na mesma comisión, a parlamentaria do BNG tamén preguntou pola realidade galega que transmite a RTVG. Na súa opinión, Galiza aparece de maneira relegada á información de España, é isto “é constatábel mesmo nunha serie de programas escollidos de maneira aleatoria”. Neste sentido, preguntou que tempo lle dedicou a Televisión galega a información sobre ILP da tarifa eléctrica galega debatida no Parlamento galego e admitida a trámite por unanimidade, unha tarifa, explicou que pode beneficiar a moitas familias en situación de vulnerabilidade no noso país. Que tempo lle dedicou a TVG a esa información e como analizou a pobreza enerxética e que tempo dedicou ao proxecto de Acuicultura e o seu negativo impacto para o sector do marisqueo e o mar, preguntou a parlamentaria do BNG.

 Máis marca Galiza e menos marca España

 A deputada tamén pediu a Sánchez Izquierdo que non “fixera trampas” ao responder que a realidade de Galiza está presente nas edicións locais e retrucou que nos “informativos con maiúsculas”, a visión global de Galiza “non está”. O que vemos é unha realidade de Galiza reducida a unha entidade territorial en inferioridade coa realidade chamada España. Ese, engadiu, é o obxectivo do poder de do Partido popular que vostede “repenica convenientemente”. Montse Prado asegurou que necesitamos “máis marca Galiza e menos marca España”.

 Sánchez Izquierdo respondeu á parlamentaria que non lle preocupa a dialéctica Galiza-España, “interésame, afirmou, a dialéctica Galiza-Burxelas, Galiza- China ou Galiza-Washintong para o futuro da nosa construción”. O director xeral da CRTVG explicou que a realidade galega está inxerida noutras realidades, porque “somos galegos todos e dende Galiza, somos universais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG