parlamento galego

Acordo en torno a unha iniciativa do BNG para que a Xunta convoque máis prazas de profesorado de lingua portuguesa

Iria Taibo
Iria Taibo

A deputada Iria Taibo reclama ao Goberno do PP un papel máis activo no cumprimento da Lei Valentín Paz-Andrade, aprobada por consenso hai xa dez anos  

O BNG propiciou na Comisión 4ª do Parlamento un acordo para impulsar o cumprimento da Lei Valentín Paz-Andrade, aprobada hai xa dez anos por consenso a raíz dunha iniciativa lexislativa popular que chegou daquela á Cámara co apoio de 17.000 sinaturas.

A iniciativa do BNG, o Parlamento aprobou por unanimidade reclamar á Xunta o aumento de prazas de profesorado de portugués, así como a formación de novos docentes na  lingua lusa. A proposta “de mínimos”, que defendeu a deputada Iria Taibo, incluía un terceiro punto, rexeitado polo PP, no que se reclamaba “incorporar a oferta de lingua portuguesa en todos os centros de ensino do País”.

A deputada nacionalista comezou a súa intervención advertindo que o consenso social e político, “pouco habitual”, acadado no seu día en torno á Lei Valentín Paz-Andrade debería obrigar a Administración galega aínda máis a avanzar no cumprimento dunha norma que ten, entre outros obxectivos, o de introducir a lingua galega no ensino.

Na última convocatoria de prazas de profesorado, a Xunta non incluíu inicialmente ningunha nova de portugués, aínda que logo rectificou e convocou catro para Escolas de Idiomas, pero ningunha para Secundaria, criticou Taibo, que incidiu en que o compromiso do Goberno do PP coa lei “non é todo o firme que debese ser” .

Segundo expuxo, se ben o alumnado de portugués duplicouse en Galiza desde o 2019, na actualidade non chegan a 5.700 as persoas que estudan este idioma. “Non é unha cifra estratosférica!”, ironizou a deputada da Coruña, que reclamou á Xunta un papel máis activo na promoción do coñecemento do portugués.

Neste punto, referiuse ao traballo que están a facer outras comunidades, nomeadamente Extremadura, onde mesmo hai un programa na televisión autonómica para apoiar a aprendizaxe da lingua do país veciño.

Taibo criticou, por outra banda, que sistema actual en Galiza obriga a profesorado e familias a demostrar interese en introducir o portugués para abrir novas aulas, “o que fai que todo o avance neste sentido depende total e absolutamente do voluntarismo”. “É a Administración quen debería demostrar unha verdadeira vontade para que aumente a demanda”, considerou Iria Taibo, quen propuxo que o portugués como lingua estranxeira debería figurar no sobre de matrícula en todos os centros de ensino por defecto, ofrecendo unha prematrícula como primeira e segunda lingua que permita coñecer a demanda real para estudar este idioma.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG