Acto de irmandade entre BNG e Fronte Guasú a través das fundacións de ambas forzas políticas

A Fundación Galiza Sempre (FGS) participou en Paraguai nun acto de irmanamento ca Fronte Guasú, constituída por 9 partidos políticos de esquerda, principal grupo da oposición en Paraguai despois do golpe de estado cometido contra o ex presidente Fernando Lugo.

Acto das fundacións do BNG e Fronte Guasú en Asunción

Dentro do seu programa de acción exterior, a fundación do BNG desenvolve nesta ocasión unha xornada coa súa homóloga dentro da fronte de partidos de esquerdas do país guraní, que inclúe un convenio de colaboración entre as fundacións de ambas forzas políticas, asinado pola secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, e polo secretario xeral da Fronte Guasú, Anibal Carrillo, en Asunción.

Miranda tamén mantivo un encontro co presidente da FG, Fernando de Lugo, con quen compartiu actos dentro da campaña das eleccións municipais previstas en Paraguai para o vindeiro 15 de novembro, como mostra de apoio do BNG ao derrocado presidente e a súas propostas políticas.

Igualmente, a secretaria de Política Internacional participou en diversos encontros con asociacións culturais e de dereitos humanos así como cos familiares da matanza de Curuguaty, que na actualidade está en proceso xudicial co apoio internacional de moitas organizacións de defensa de dereitos humanos do mundo.

O nacionalismo galego, representado pola Fundación Galiza Sempre e o BNG, amosa unha vez máis o internacionalismo de Galiza como nación no mundo e a cooperación solidaria con Pobos irmáns, dende a óptica social, cultural e política que pretenden promover estes acordos de colaboración mutua.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG