Vence "o futuro de Galiza vai ligado á supervivencia do noso idioma"

As enquisas indican que o Bloque vai ter presenza nos concellos de todo o país e que gobernará alcaldías moi importantes, asegura

VENCE MANIFESTACION 17M VIGOO portavoz nacional, Xavier Vence, declarou desde Vigo na manifestación conmemorativa do Día das Letras Galegas que o 17M “é un día de orgullo do principal sinal de identidade que temos como país”, e proclamou que “o futuro de Galiza vai ligado á supervivencia do seu idioma como sinal de identidade do pobo galego, que quere contribuír ao mundo desde o galego e co galego”.

Salientou ademais que a creación cultural en base ao noso idioma en todos os eidos “é tamén motor de riqueza e emprego e de posibilidades de desfrute para a cidadanía”, e instou ás institucións a asumir “un compromiso claro” co galego para, sobre a base do noso idioma, “facer cultura, facer país e facer unha sociedade orgullosa de si mesma”, argumentou.

Neste sentido, Vence puxo en valor a defensa da lingua que exercen os concellos do BNG e os centos de concelleiros e concelleiras que traballan desde os municipios de todo o país.

“Alí onde gobernamos hai un apoio claro ao idioma, ao teatro, á música, á produción cultural popular na nosa lingua, e o 24 de maio a cidadanía galega ten a oportunidade de optar por candidaturas comprometidas con noso idioma e co futuro do noso país”, alegou.

Por contra, “vemos en campaña un Feijóo que fai uso sistemático do español para dirixirse aos galegos e galegos, desprezando o idioma do país como nunca ten feito antes ningún presidente da Xunta”, criticou. Vence interpelou directamente a Feijóo para lembrarlle que incluso incumpre a “obriga” institucional de promover a lingua propia que recolle o Estatuto de Autonomía.

Superar as enquisas

En relación as enquisas, o dirixente nacionalista considera que amosan “un escenario aberto”, no que o BNG-Asembleas Abertas vai seguir explicando o seu proxecto para convencer aos indecisos, desde o convencemento de que “hai moita xente que é consciente e aprecia que alí onde goberna o BNG os concellos son transparentes e honestos, capaces de dinamizar o tecido económico local, comprometidos coa cultura e coa xente moza”.

Vence subliñou que as enquisas deixan claro que a alternativa nacionalista de BNG-Asembleas Abertas “vai ter presenza en todas as corporacións e que imos ter o goberno de moitas alcaldías importantes na nosa nación”. “Estamos confiados en que imos superar con creces o que hoxe poñen de manifesto as enquisas”,concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG