Rosana Pérez critica a falla de independencia da Axencia Estatal de Seguranza Ferroviaria

ROSANA DESPACHO 001A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que critica a falla de independencia da Axencia Estatal de Seguranza Ferroviaria, “conformada a base do trasvase de cargos de Fomento e doutros Ministerios”.

A deputada do BNG lembra que con data do 1 de abril creouse a Axencia (AESF). Un organismo adscrito ao Ministerio de Fomento que sustitúe á antiga Direción Xeral de Ferrocarrís, e que se constitúe para cumprir coa lexislación comunitaria nesta materia. Será a partir de agora a máxima autoridade en materia de seguranza ferroviaria no estado.

Unha Axencia que “de entrada preside o Secretario Xeral de Infraestruturas” e conta cun Consello Rector formado por 8 vocais. E o nomeamento dos Director e dos vocais “é a evidencia máis clara dun exercicio endogámico máis de Fomento”. Así alude ao artigo 16 do Estatuto no que se detalla o nomeamento dos conselleiros do Consello Rector por parte do Ministerio de Fomento, de Facenda, de Economía e de Industria.

“Todo moi independente”, ironiza Rosana Pérez. Asemade fai mención ao caso da persoa que dirixirá a AESF, e que segundo parece, será o Señor Carlos Díez Arroyo, un ex director da liña de alta velocidade do noroeste de Adif. “Un dos asinantes da modificación do proxecto de entrada do AVE en Santiago que tivo como consecuencia unha rebaixa do sistema de seguridade no tramo onde se produciu o accidente do Alvia”.

Así non pode ser independente

“É certo que esa función vai recaer nunha persoa destas características? De ser así, “Non podería alomenos o Goberno manter as formas e tratar de designar a persoas que non teñan relación ou responsabilidades no tema da seguranza do Alvia accidentado? Non pode Fomento designar a expertos ferroviarios, que os hai, sen ningún tipo de relación co sinistro do Alvia?”, son algunhas das preguntas que a deputada do BNG formula ao Ministerio.

Rosana Pérez pon en entredito a pretendida independencia da Axencia, a pesar do estabelecido no artigo 3 que fala de “independencia na súa actuación” e “calidade, eficacia, eficiencia e transparencia no exercicio das súas funcións”. “De verdade cre o Goberno que a creación da Axencia segue pulcramente a normativa comunitaria? Non debería ser un órgao independente?

A deputada do BNG critica o mundo “endogámico de Fomento, que sempre se caracterizou por ser un círculo pechado no que levan décadas movéndose dun posto a outro as mesmas persoas”. Salienta o desacordo do BNG co feito de que poidan estar á fronte de responsabilidades de seguranza persoas que participaron na rebaixa da seguranza do Santiago-Ourense.

“Se xa nos resulta penoso e inexplicábel que unha das maiores catástrofes ferroviarias do estado non fose obxecto dunha investigación parlamentar, nin dunha axeitada análise, segue a sorprendernos a hiper proteción que Fomento practica para cos cargos que tiveron algunhas responsabilidade no proxecto da liña ferroviaria Ourense-Santiago”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG