Reducir o "Salario da liberdade"outra traba para que as mulleres maltratadas rompan co seu agresor

Adán e Jorquera denuncian a redución das axudas e piden  que se prolonguen ate 24 meses se a muller maltratada o precisa

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a portavoz de política de Igualdade do BNG, Carme Adan presentaron hoxe, ante os medios de comunicación en sede parlamentar, diversas iniciativas co fin de instar ao Goberno galego a reformular a ode que regula as axudas periódicas de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Para Carme Adán, “a redución da partida do salario da liberdade” agrava a situación das mulleres vítimas de malos tratos e con grandes dificultades para o acceso ao emprego.

Galiza pioneira do “Salario da liberdade”

A parlamentaria explicou que o “salario da liberdade” foi creado no ano 2006, converténdose Galiza en “pioneira” no Estado español neste tipo de medias. No ano 2011, engadiu, a axuda sufriu unha importante redución ao incluír condicións máis estritas para as mulleres que pretendían solicitala. Neste momento, dixo, o Goberno limita a 1.800.000 euros a partida inicial para convocar as axudas e mantendo a restrición no baremo.

A portavoz de Igualdade do BNG amosou a súa preocupación, xa que no 2009 e 2010 unha muller que padeceu violencia de xénero cun salario de 800 euros tiña acceso a unha axuda de 400 euros,”agora é imposible” porque as axudas están limitadas a 798 euros.

A parlamentaria tamén cuestionou as afirmacións da Secretaria Xeral de Igualdade sobre a previsión dunha baixada das denuncias por violencia de xénero no 2013 e anunciou que o BNG preguntará no Parlamento galego polos criterios esgrimidos pola Xunta para xustificar a redución do salario da liberdade, “se no ano 2011 foron 300 mulleres as que accederon a axuda e no 2012, 368 porqué a Xunta asegura que no 2013 esta cifra vai diminuír”, preguntou.

Prolongar a axuda nun momento de crise económica

Na súa intervención, Adán aludiu a Proposición non de lei que defenderá proximamente na Cámara galega o BNG co fin de modificar os “criterios que regularon esta axuda dende o ano 2006 ata o 2010” porque, ao seu xuízo, “reducir os baremos da renda non favorece a emancipación das mulleres sobre todo nun momento de crise económica”.

Ademais, reclamou o acceso da axuda durante todo o ano e lembrou que durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo do 2013, as mulleres maltratadas non puideron solicitala, “isto debe revolverse”, dixo, e que as mulleres poidan cobrar nun prazo de 30 días trala petición da axuda.

Adán destacou a relación entre crise económica e violencia de xénero polo que pediu estender a axuda a 18 meses e ata 24, no caso de que unha muller maltratada sega necesitándoa para “romper a relación co seu agresor”.

Un estudo de avaliación da Violencia de xénero

A deputada tamén reclamou que o Goberno galego elabore un estudo sobre as axudas contra a violencia de xénero co fin de avaliar a situación.

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera pediu que o resto dos grupos parlamentarios apoien as iniciativas nacionalistas porque a violencia de xénero é un problema de “primeiro orden” agudizado nos contextos de crise como apuntan todos os informes internacionais.

Ao igual que Carme Adán, Jorquera afirmou que nun momento de crise económica as mulleres téñeno máis difícil “por mor da súa dependencia económica co seu agresor” polo que resulta “inaudito” que a Xunta reduza as axudas para a súa emancipación.

 Manifestación multitudinaria contra a Mina de Corcoesto

O portavoz do BNG no Parlamento galego tamén se referiu na súa intervención ao grande apoio da cidadanía á manifestación do domingo en Carballo contra a mina a ceo aberto de Corcoesto. “Cremos, dixo, que a Xunta debe tomar nota da resposta social contra a mina” e dende o BNG iniciaremos “unha nova ofensiva parlamentar” contra este proxecto mineiro.

“A Xunta é cómplice dun modelo de desenvolvemento colonial”, un modelo de explotación dos nosos recursos por unha multinacional canadiana interesada en explotar o noso ouro pola burbulla que está revalorizando o prezo do ouro aínda que isto signifique “destruír máis postos de traballo nas actividades agrícolas, gandeiras, marisqueiras e o potencial turístico da comarca de Bergantiños”.

Feijóo debe dimitir por ética e hixiene política

A preguntas dos xornalistas sobre unha posible moción de censura ao Presidente da Xunta, o parlamentar nacionalista volveu pedir que “Feijóo dimita por unha cuestión de ética e hixiene das institución democráticas galegas”.

Ao marxe de consideracións de “índole legal e penal” é inxustificable que un alto cargo público como Feijóo tivese unha “relación tan estreita e duradeira no tempo cun capo da mafia do narcotráfico”.

Jorquera concluíu reiterando que a documentación das subvención, contratos e facturas entre a Xunta e Marcial Dorado debe ser remitida á Fiscalía, “se o Goberno non o fai, será o BNG o que entregue esa documentación para que a Fiscalía analice se existen indicios de feitos punibles”.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG