Pontón a Rueda: “Hai unha razón que explica a situación limite de atención primaria e esa razón é 2.339 M€ de recortes do PP”

“Sabe cantos médicos e medicas, cantos pediatras ou canto persoal de enfermería se podería ter contratado con eses recursos?”, interpelou

Destaca que coa histórica manifestación en defensa da sanidade pública do 12F, a cidadanía demostrou que o cambio en Galiza é xa imparable

A portavoz nacional, Ana Pontón, reprochou ao presidente da Xunta o empeño do Goberno do PP en negar os recortes na sanidade pública, recortes contra os que se mobilizou a cidadanía nunha manifestación histórica cando o pasado 12 de febreiro saíu a rúa para defender o seu dereito a saúde.

“A Praza do Obradoiro quedou pequena para acoller aos miles de galegos e galegas en defensa da sanidade pública e cando a cidadanía se pon en marcha na defensa dos seus dereitos é imparable, por iso, dígolle algo que seguramente vostede tamén sabe señor Rueda: que o pasado 12F demostrouse que o cambio en Galiza é imparable”, indicou a líder do BNG, “imparable porque os galegos e as galegas están fartas dun Goberno convertido nun perigo para a súa saúde tras catorce anos de recortes, recortes e recortes”.

En concreto, Pontón citou o recorte de 2.339 millóns de euros en atención primaria, que enumerou, anualidade por anualidade.

“Sabe por que hai listas de espera para ter cita co médico ou médica de cabeceira, sabe porque hai 194 concellos sen pediatra, sabe porque hai máis de 60 consultorios pechados, sabe porque hai PACs sen persoal médico? Hai un razón. E esa razón chámase 2.339 millóns de euros menos en atención primaria”, argumentou, recortes na sanidade pública para favorecer o negocio da privada.

“Un burato negro de 2.339 M€ en atención primaria é a aínda teñen o descaro de negar os recortes”, criticou, recursos que terían sido esenciais para evitar a situación de colapso do que sempre foi o corazón do sistema público de saúde.

“Sabe cantos médicos e médicas se poderían ter contratado cada ano con eses cartos señor Rueda, cantos pediatras, canto persoal de enfermería? Pero o que temos é un persoal sanitario maltratado e esgotado, PACs sen médicos nin médicas e miles de nenos e de nenas sen pediatra asignado?”, interpelou.

Fronte a un PP “convertido nun problema e que ten demostrado ao longo de catorce anos de recortes que nun vai se parte da solución”, o BNG ten un modelo alternativa de atención primaria, un modelo baseado en tres grandes piares: suficiencia financeira, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.

“Fala moito de que non hai médicos, pero  o que non di é que o PP, deliberadamente, non planificou a formación do persoal sanitario aínda sabendo cantas xubilacións hai cada ano. Tampouco di que cando o PP gobernou en Madrid recortou o número de prazas MIR, nin que o 30% dos MIR de atención primaria renuncian á praza polas condicións de sobrecarga e de precariedade do sistema sanitario”, denunciou.

 

A líder do BNG instou a Rueda a “tomarse en serio” a saúde dos galegos e das galegas, “que lle están dicindo que non van permitir que siga xogando coa súa saúde. O PP é parte do problema e leva catorce anos de recortes na sanidade demostrando que non vai ser parte da solución”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG