Pontón e Lores demandan un cambio no modelo de financiamento local que fai perder a Pontevedra 3,4M€

Ana Pontón con Férnadez Lores tras a primeira visita institucional a Pontevedra

Ana Pontón con Férnadez Lores tras a primeira visita institucional a Pontevedra

Primeira visita institucional de Ana Pontón como portavoz nacional ao Concello de Pontevedra, que a deputada aproveitou para poñer en valor o modelo de cidade desenvolvida polo goberno nacionalista que lidera Miguel Anxo Fernández Lores, “unha referencia nítida no Estado, pero tamén a nivel internacional polo que supón de cambio transformador”.

Pontón subliñou que Pontevedra é un exemplo “inequívoco” e un “orgullo” do que o BNG é capaz de facer desde as institucións con políticas transformadoras en beneficio das persoas.

“Para o Bloque é un orgullo este concello, modelo de capacidade de transformación, de capacidade para poñer as institucións ao servizo do pobo e de defensa inquebrantable duns principios políticos”, salientou. “Unha referencia para nós e temos moito que recoller desta experiencia municipal, peza clave á hora de explicar o que ten aportado o nacionalismo a este país, para min como portavoz nacional do BNG é un orgullo que a transformación desta cidade se fixara desde un proxecto de país”.

No encontro con rexedor e co grupo de goberno, no que tamén participou a deputada por Pontevedra, Montse Prado, abordouse o actual modelo de financiamento local que Pontón e Lores coincidiron en tachar de “discriminatorio” para os concellos galegos e que, só en 2016, fai perder a Pontevedra 3,4 millóns de euros.

Neste sentido, o Bloque considera necesario “superar o marco de discriminación” que se produce no Estado a respecto de Galiza, que en termos de financiamento local supón que cada galego e galega recibe 50 euros menos que a media estatal dos recursos que chegan da Participación nos ingresos do Estado (PIE), -40,85 no caso concreto de Pontevedra-.

Ana Pontón reunída con grupo de goberno de Pontevedra que lidera Fernández Lores

“Non entendemos como se explica que un veciño ou veciña reciba 50 euros menos polo mero feito de vivir aquí”, denuncia Pontón. A discriminación é aínda máis evidente no caso das cidades, xa que un grupo de sete urbes con máis de 500.000 habitantes acapara un 33% dos 11.341 millóns de euros que o Estado distribúe aos municipios en 2016, pese a sumar o 18% da poboación.

Dobre discriminación

Galiza ten o 6,24% da poboación, pero os concellos galegos reciben 5,05% dos fondos do estado. Esta discriminación no financiamento “é dobre”, denuncia Pontón, posto que supón recibir menos recursos ca media nun territorio onde a prestación de servizos é máis custosa por causas como a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación.

Preocupar a Feijóo e aos gobernos das cidades

“É unha cuestión suficientemente importante para que preocupara e ocupara a quen goberna, tanto ao señor Feijóo como aos máximos responsables políticos das cidades galegas”, indicou a portavoz do Bloque. “É importante mudar este financiamento que discrimina ás persoas deste país e urxe cambiar a situación de privilexio das grandes cidades do Estado”, recalcou.

A pesar deste marco de financiamento local, Pontón valorizou a “intelixencia” dun concello como Pontevedra “para facer unha gran xestión dos recursos públicos e con capacidade de xerar actividade e conseguir ingresos por outras vías”

Os concellos nacionalistas, avanzou, teñen prevista “unha ofensiva” no seo da Fegamp. O BNG tamén buscará o consenso no Parlamento para mudar o modelo de financiamento local, aínda que para superar este marco discriminatorio non chega cun acordo na Cámara galega senón que se dea tamén a nivel estatal.

“Estamos cansas de ver como se adoptan decisións na que os partidos de ámbito estatal teñen un posición en Galiza e xusto a contraria en Madrid. Se se asume unha posición política en defensa dos intereses da cidadanía deste país hai que mantela tamén no Estado”, concluíu.

Excelente candidata

A portavoz nacional non se pronunciou a respecto da súa intención de postularse como candidata do BNG á Xunta, á espera de que se abra o proceso de elección desde a militancia. Si o fixo o alcalde pontevedrés que considera que Pontón sería “unha excelente candidata, aínda que depende dela e do conxunto da organización” porque o Bloque “é unha forza democrática”, salientou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG