Plataforma de afectados pola hipoteca, candidata ao premio Cidadán Europeo 2013

A Eurocámara concede cada ano o premio do Cidadán Europeo, e o BNG propón á Plataforma de Afectados pola Hipoteca para recibir o galardón de 2013, que recoñece a cidadáns, asociacións ou organizacións que se teña destacado polo seu compromiso na defensa dos valores consagrados na Carta de Dereitos Fundamentais da UE, como o dereito á vivenda.

Neste caso, o BNG valora o "compromiso social" desta plataforma cidadá na defensa dos afectados polos procesos de desafiuzamento en Galiza e no conxunto do Estado español, e que teñen como consecuencia "que miles de familias se queden, literalmente, sen un lugar onde vivir, nun drama cotián", explica a eurodeputada Ana Miranda.

Só en 2012, a banca se ten quedado con 30.034 primeiras vivendas por impago da hipoteca, un desafuizamento cada 15 minutos segundo un recente informe do Colexio de Rexistradores. Unha grande parte destes desafiuzamentos, explica Miranda, "son executados polos mesmo bancos rescatados co préstamo de 37.000 millóns de euros da UE, entre elas NovaGalicia Banco, que recibiu 5.400 millóns de € das arcas comunitarias".

Neste contexto, xurde a PAH adicada a crear redes de solidariedade e a loitar por facer efectivo o dereito a unha vivenda. Entre as súas propostas, a iniciativa lexislativa popular a favor da dación en pago, coa que cambiar a lexislación hipotecaria española. Unha lexislación que, como ditaminou o Tribunal de Xustiza Europeo en marzo, incumpre a Directiva 93/13/CEE, posto que non ofrece un recurso legal eficaz para demostrar o carácter abusivo do contrato da hipoteca para poder frear un desafiuzamento.

Miranda considera PAH merece o galardón porque "amosa como os cidadáns organizados dan unha lección ao Goberno do PP cando defende que a prioridade son as persoas. Resulta incomprensible destinar millóns de euros a rescatar bancos, mentres miles de familias se quedan sen vivenda".  Ademais, considera que a negativa do PP a aceptar a dación en pago "é unha mostra de que non busca unha solución real a este drama social, só finxir cambios lexislativos, en parte obrigado pola sentencia do alto tribunal da UE".

A proposta desta candidatura ao premio Cidadán Europeo 2013 está asinada pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda e polo eurodeputado Raül Romeva, ambos do Grupo Verdes/ALE, e polo eurodeputado Willy Meyer, do Grupo GUE/NGL.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG