galegas 2024

Luís Bará: “Cun goberno do BNG con Ana Pontón de presidenta a vida da xente vai mellorar”

Pontevedra
Pontevedra

O cabeza de cartel avanza un plan para promover en catro anos 3.000 empregos para persoas con discapacidade a través da contratación pública, contratos reservados e iniciativas na economía circular e a bioeconomía

Avoga por adaptar a lei galega de discapacidade a un modelo interseccional centrado nos dereitos ao traballo, saúde, cultura, lecer ou transportes, ademais de atender os coidados

“Cun goberno do BNG con Ana Pontón de presidenta a vida da xente vai mellorar”. O cabeza de lista do Bloque por Pontevedra, Luís Bará, comprometeuse hoxe con representantes de colectivos relacionados coa dependencia e a discapacidade como Xoga, AFAPO, ASSEII, Cogami, Amencer e Xoán XXIII, a desenvolver unha nova lei galega da discapacidade centrada nos dereitos e non só nos coidados, e a promover un plan de emprego para xerar nesta lexislatura 3.000 postos de traballo, entre outras propostas “para unha vida digna”.

Acompañado da tamén candidata Victoria Canoura e da concelleira Anabel Gulías, Bará destacou que a discapacidade e dependencia é unha temática central para o BNG e así o demostrará co futuro goberno de Ana Pontón, mellorando a vida de todas as galegas e galegos, “especialmente daquelas que teñen algún tipo de situación de discapacidade ou dependencia que precisan máis da intervención pública”.

Bará avanzou como obxectivo a medio prazo a creación dun Servizo Público de Benestar, o denominado ‘SERGAS social’, un organismo para atender de maneira pública todas as necesidades de servizos para estes colectivos.

Apostou, en calquera caso, por un cambio de enfoque da xestión da dependencia e da discapacidade e por pasar do asistencialismo e da “visión paternalista” centrada nos coidados a unha visión interseccional centrada nos dereitos das persoas con discapacidade, garantindo os coidados, pero tamén unha vida plena e digna en todos os ámbitos: o emprego, a saúde, a educación, a servizos, educación temperá, acceso á cultura, deporte ou lecer, o transporte, a accesibilidade ou outros ámbitos.

O enfoque, dixo o cabeza de cartel, é adaptar toda a lexislación e todos os plans e programas que se fagan dende o goberno galego no ámbito á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas do ano 2006, que está aínda pendente de trasladar á normativa. Falou, de feito, da creación dunha Lei do Terceiro Sector e Acción Social na Galiza.

Unha das iniciativas que Bará destacou no encontro é a integración laboral a través dun conxunto de propostas concretas. Referiu que o goberno do BNG na Xunta aplicará medidas de inclusión como a contratación e a compra pública, con cláusulas sociais que favorezan a integración destes colectivos a través das súas entidades representativas. En segundo lugar, falou dos contratos reservados previstos na Lei de Contratación pública para poder dirixir directamente aos colectivos e persoas con discapacidade unha parte das adxudicacións do sector público.

Tamén presentou un plan de emprego promovido polo goberno de Ana Pontón no ámbito da economía circular e na bioeconomía, un sector emerxente con capacidade de expansión e crecemento que podería xerar arredor de 3.000 empregos na lexislatura para persoas con discapacidade traballando en temas de reciclaxe de roupa, mobles, recollida e reciclaxe de aceites usados ou outros ámbitos relacionados cos residuos e a economía circular. “Estase a facer noutros territorios e imos facelo tamén en Galiza”, aseverou Bará.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG