O deputado do BNG pediu a devolución do texto por que non contribúe á transparencia nin combate a corrupción
Pleno.- O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera asegurou que o proxecto de lei defendido hoxe polo Partido popular sobre financiamento de formacións políticas, fundacións e asociacións non combate a corrupción. Feijóo, afirmou Jorquera, volve a faltar a súa palabra de prohibir as doazóns polo que pediu a devolución da totalidade dun texto que cualificou de operación lifting do presidente
O parlamentario explicou que nun primeiro momento, o propio Feijóo propuxo no Parlamento un pacto para prohibir as doazóns de empresas a formacións políticas, despois o Consello da Xunta aprobou o Plan de impulso democrático incorporando suprimir as doazóns anónimas ou de persoas xurídicas no financiamento dos partidos e agora constatamos, que neste proxecto de lei non se contemplan ditas prohibicións e só establece que os partidos non perciban doazóns para acceder ás subvencións con cargo aos orzamentos da Xunta, subvencións para o seu funcionamento ordinario que non existen, recalcou.
Quén fai a lei, fai a trampa
Quén fai a lei, engadiu, fai a trampa porque a lei estatal xa prohibe as doazóns de empresas aos partidos pero non ás fundacións, non poderá doar ACS nin OHL pero si Florentino Pérez e Villar Mir. De nada vale que se reforme a lei se logo non se cumpre, as doazóns en B xa eran ilegais e as doazóns de empresas que contratan coa administración tamén eran ilegais e os papeis de Bárcenas revelan que o Partido popular de Galiza foi un peza central na presunta trama de financiamento ilegal do Partido popular do Estado.
Fraga gañou as elección de 1989 facendo trampas
Agora sabemos, engadiu tras as revelacións dos documentos de Rosendo Naseiro, que o Partido popular foi financiado ilegalmente dende a súa fundación e o propio Manuel Fraga recibía persoalmente doazón ilegais para financiar o PP. Fraga, dixo, gañou as eleccións do ano 89 facendo trampas porque o limite de gastos de campaña era de 235 millóns de pesetas e o Partido popular declarou gastos por 199 millóns pero os documentos de Naseiro demostran que o PP de Galiza recibiu 500 millóns das antigas pesetas do Partido popular español.
O BNG está favor do financiamento público dos partidos políticos
Aínda que poida resultar impopular, nós afirmamos que a democracia é cara pero é moito máis cara a súa ausencia. Estamos ante un modelo público que é o que máis asegura a transparencia e a independencia das formacións políticas porque a dependencia de financiamento privado é o caldo de cultivo para que a porta xiratoria campe as súas anchas ou que haxa partidos que se convertan en correa de transmisión dos intereses de empresas e grupos de presión.
Debates e entrevistas dos candidatos/as nos medios públicos
Finalmente, Jorquera apostou por reducir os gastos electorais e reclamou a emisión de entrevistas e debates dos candidatos/as nos medios públicos en tramos de máxima audiencia, desde xeito, os partidos non terían que recorrer a publicidade e propaganda para divulgar as súas mensaxes.
O proxecto de lei do Partido popular foi rexeitado por todos os grupos da oposición.