Jorquera: "O Sistema de Financiamento Local coloca a Galiza á cola"

Francisco Jorquera

A través dunha pregunta parlamentaria, o deputado afirmou que mentres os concellos de Madrid receben 354 euros por habitante, en Galiza recibimos 212 euros

Jorquera escoita ao director Xeral de Admon Local

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera formulou hoxe unha pregunta relativa o financiamento local na comisión de Economía na que lembrou que os concellos galegos representan o 5,92% da poboación do Estado español e o 6,3 da poboación total dos concellos das Comunidades Autónomas, sen embargo só “recibe un 5% da participación nos ingresos do Estado”.

Asemade, explicou que mentres os concellos galegos reciben 212 euros por habitante, os concellos de Madrid reciben “unha media de 354 euros” e no conxunto das Comunidades Autónomas, 263 euros

Para o deputado, este reparto coloca a “Galiza á cola na participación nos ingresos” nun sistema “insuficiente e inxusto” para todos e todas nós.

Os servizos en Galiza, máis caros

Jorquera explicou que o actual modelo non contempla os custes dos servizos en Galiza, “máis caros que no resto do Estado” debido á dispersión poboacional e avellentamento da poboación, servizos en moitos casos “asumidos polos propios concellos” .

Jorquera na comisión de Economía

Neste sentido, lembrou que máis de mil concellos están empeñados dos que dez teñen a maior débeda con oito nas provincias de Ourense e dous en Pontevedra e Lugo. “Un raquitismo económico”, dixo ao que hai que sumar as consecuencias da crise económica e o seu impacto na redución de ingresos.

Propostas do BNG para mellorar o Financiamento Local

O deputado afirmou que Galiza precisa dun novo modelo de financiamento baseado “na plena autonomía e responsabilidade fiscal” que permita a internalización do financiamento das entidades locais galegas pero mentres non se acada este novo sistema, é preciso, reformar o actual para incrementar a contía da participación nos ingresos e dotalo dun marco estábel co fin de asegurar a calidade na prestación dos servizos básicos.

A maiores, engadiu, debe ser transferida á Xunta a contía para que sexa a Administración galega a que realice o reparto dos fondos entre os concellos. Este sistema resultaría máis racional e eficiente para que o reparto atenda á realidade do noso país.

Pola súa parte o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos coincidiu con Francisco Jorquera en que “a variable de poboación e a dispersión debe ser unha variable a considerar” polo apelou ao consenso coa oposición para negociar o novo modelo de financiamento galego baseado na fusión de concellos.

Na réplica, Jorquera discrepou da solución esgrimida polo director xeral baseada na fusión dos concellos da que dixo, “Oza e Cesuras, non é o mellor exemplo”. O deputado concluíu a súa intervención reclamado “eliminar as Deputacións” e non imputar aos concellos custes de servizos que non son da súa competencia como está a facer a Consellería de Traballo e Benestar na formalización de novos convenios entre a Axencia Galega de Servizos Sociais cos servizos sociais e os concellos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG