Jorquera propón unha revisión do financiamento autonómico baixo unha posición de País

Francisco Jorquera

O portavoz parlamentario defendeu crear unha Comisión sobre ingresos e financiamento autonómico cara a súa revisión baixo unha posición de País  porque Galiza leva  perdido 8.574 millóns de euros.

Francisco Jorquera na Comisión de Economía

 Francisco Jorquera defendeu, a través dunha proposición non de lei, constituír unha comisión de estudo sobre os ingresos e financiamento autonómico porque o sistema de financiamento segue sen revisarse.

 Na súa intervención, o parlamentario aludiu as novas potestades que o Partido popular pretende atribuír ao Tribunal Constitucional transformándoo, dixo, ironicamente nun “revival do tribunal de Orde pública franquista” e no que o primeiro suspendido das súas funcións debe ser o Sr.Rajoy “por incumprir o establecido pola lei.

Jorquera lembrou que o Partido popular opúxose á reforma do sistema de financiamento apelando a unha posición de País consensuada entre todos e preguntou como iso é posible se o propio Goberno galego segue sen concretar a súa posición e negase a dialogar cos grupos parlamentarios.

Por outra parte, o BNG xa trasladou a proposta de crear esta comisión ao Presidente Feijóo hai un ano no último debate sobre o Estado da Nación, proposta, dixo Jorquera, que non obtivo ningunha resposta por parte do titular do Executivo.

Francisco Jorquera

Mentres outras comunidades están a reclamar que sexa revisado o sistema de financiamento autonómico e o propio ministro de Facenda facía público que abría o prazo ata 31 de xullo para presentar os estudos de cara a revisión do modelo, en Galiza, “seguimos sen saber se a Xunta presentou algún estudo, contidos ou propostas”.

O parlamentario criticou que a Xunta “manteña a boca calada” neste asunto” e continúe sen formular ningunha proposta. Para o nacionalista, este proceder é unha nova desmostración do “simulacro de Goberno que temos” ante unha cuestión vital para a defensa da nosa autonomía. “Resulta imposible fortalecer os servizos e o gasto social sen un bo sistema de financiamento”, remarcou.

Galiza leva perdido 8.574 millóns de euros

O parlamentario tamén explicou que segundo o informe de estratexia financeira fiscal da Xunta, as achegas ao sistema de financiamento no ano 2015 son 6.112 millóns de euros, 1.327 millóns menos que no 2008 e 1.223 menos que no 2007.

Segundo os nosos cálculos, afirmou, co novo modelo Galiza leva perdidos 8.574 millóns de euros o “equivalente ao orzamento da Xunta nun exercicio”.

Ante esta situación, reiterou Jorquera, o Goberno da Xunta conténtase con que Galiza “sae ben parada nas balanzas fiscais inventadas por Montoro”.

Francisco Jorquera

Finalmente, o parlamentario defendeu crear a comisión para que Xunta e grupos parlamentares aporten os seus estudos, comparezan expertos e unha representación plural da sociedade, e cos números sobre a mesa, “concretemos as demandas a defender como país.”

O portavoz do Partido popular, Pedro Puy avanzou o seu voto en contra á iniciativa nacionalista afirmando que Galiza “non perde cartos”.

Na réplica, Jorquera criticou que o PP sega “surfeando” nunha cuestión fulcral para Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG