Incrementar o financiamento e xestión directa das bolsas, propostas do BNG para as universidades

Ana Pontón, portavoz nacional, e Salustiano Mato, reitor da UVI

O BNG entende que un sistema universitario forte e ben financiado é fundamental para contribuír ao desenvolvemento económico de Galiza e así llo transmitiu a portavoz nacional, Ana Pontón, ao reitor da Universidade de Vigo (UVI), Salustiano Mato, con quen abriu a ronda de encontros cos máximos responsables das universidades do país.

Ana Pontón, portavoz nacional, e Salustiano Mato, reitor da UVI

Neste sentido, Pontón avanzou algunhas das medidas que o Bloque incluirá no seu programa electoral de cara aos comicios galegos en relación ao sistema universitario, en concreto, a proposta de acadar un nivel de financiamento público alomenos equivalente á media estatal, -que a día de hoxe está no 1,04% do PIB fronte ao 0,8% en Galiza-, e unha segunda medida concreta que pasa por incrementar o nivel competencial das universidades coa xestión directa das bolsas de estudo.

“O sistema universitario ten que ser un puntal na política de desenvolvemento económico do país”, indicou Pontón, quen incidiu na importancia de considerar como “estratéxica” o investimento en I+D+i e súa conexión co mundo da empresa, cuestión no que a Universidade de Vigo é un referente. “A xestión das bolsas tamén é importante para adaptala ás necesidades da realidade do noso estudantado”, indicou.

Para a dirixente do Bloque é preciso superar os recortes impostos polo PP e dotar a universidade dos recursos e do persoal necesarios para garantir unha universidade pública e de calidade, con igualdade de acceso como criterios básicos.

“Son un piar básico dentro do sistema educativo pero tamén económico, polo tanto ten que haber un maior investimento público nas universidades, -a aportación da Xunta en 2016 e inferior á que existía en 2009-, ligado a un plan estratéxico de I+D+i e a un plan de titulacións axeitado á realidade actual”, argumentou Pontón.

A portavoz nacional salientou que desde o Bloque non se cree nunha universidade “que sexa unha foto fixa”, senón que aposta por un modelo universitario “que avance, que se renove e que busque novas vías de colaboración coa sociedade”, explicou tras o encontro co reitor da Universidade de Vigo, no que tamén participou o responsable local, Manuel Caride.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG