Debate sobre a transferencia da AP9

Ana Pontón: “Feijóo ten que facer valer a unidade de Galiza na AP9 para que non se repita o vergoñento veto de Rajoy”

  • Subliña que o BNG “non renuncia a nada” para deixar claro que a transferencia e o primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes

A portavoz nacional, Ana Pontón, espera que o segundo intento do Parlamento para conseguir a transferencia da AP9 non volva ter como resposta “o veto vergoñento e antidemocrático” de Rajoy e da deputada electa por Pontevedra, Ana Pastor, a unha demanda unánime de Galiza.

Esta unanimidade, dixo, “supón unha responsabilidade engadida para o Goberno galego que debe empregarse a fondo na defensa desa transferencia, e medirá tamén o peso político de Feijóo en Madrid”, ao quen pediu “facer valer a unidade de todas as forzas políticas galegas e demostrar que é útil para que Galiza avance nun tema clave”.

A dirixente nacionalista salientou que para que este segundo intento chegue a bo porto “é fundamental que non se repita a vella historia das forzas estatais que votan aquí unha cousa e o contrario en Madrid”.

Pontón volveu deixar claro que o Bloque “non renuncia a nada” e entende a  transferencia da AP9 “como o primeiro paso” para acabar coa estafa das peaxes que cada día soportan nos seus petos 20.000 galegos e galegas, abuso que lle permite a Audasa facer unha caixa diaria de 360.000 euros.

No debate da iniciativa, a portavoz do BNG desmontou todos os argumentos utilizados polo PP e polo Goberno central para xustificar o seu veto no Congreso, que cualificou de “acto de desprezo a Galiza” cando demanda algo que Euskadi e Cataluña conseguiron fai décadas.

Así, asegurou que a AP9 está “requeteamortizada” porque desde a súa construción “temos pagado máis de 2.500M€ en peaxes”, ao tempo que só hai tres autoestradas gravadas coa concesión máxima de 75 anos, dúas en Galiza, AP9 e AP53. Igualmente, puxo en evidencia as “mentiras” do pretendido informe do Ministerio de Fomento para impedir o debate na Cámara baixa.

“Mentira que a AP9 una Galiza con Portugal, mentira que conecte cos portos e aeroportos do país, mentira que a transferencia supoña un incremento do gasto capaz de desequilibrar as constas do Estado”, indicou.

Neste sentido, volveu pedir ao PP que explique “por qué é beneficioso rescatar as ruinosas radiais madrileñas pero rescatar a AP9 é un imposible”, tras lembrar que foi Aznar quen privatizou por 1.500M€ unha autoestrada que agora Rajoy di que vale tres veces máis. “Pídanlle a el que abone a diferenza”, ironizou.

Por parte do BNG, asegurou, “nin imos quedar de brazos cruzados ante as artimañas de Rajoy,  nin imos parar ata conseguir acabar coa estafa legalizada das abusivas peaxes da AP9”, cuxo primeiro paso é acadar a súa transferencia a Galiza nesta lexislatura, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG