A Executiva Nacional do BNG considera un acto de violencia económica a quita ás preferente

A Executiva Nacional do BNG considera como única solución para as persoas estafadas pola fraude das preferentes e das subordinadas pasa pola devolución íntegra dos seus aforros

A Executiva Nacional do BNG transmite o seu rexeitamento máis rotundo á decisión do Goberno central, a través do Fondo de Reestruturación Bancaria (FROB), de aprobar as quitas, dun mínimo do 43%, sobre as participacións preferentes e subordinadas. Os nacionalistas consideran un acto de violencia económica e de extrema inxustiza as quitas absolutamente arbitrariasás persoas enganadas por unha banca especulativa e depredadora.

Os nacionalistas, que cualifican a quita como un auténtico roubo do Goberno central ás persoas estafadas pola fraude das preferentes, consideran que a única solución pasa pola devolución íntegra dos seus aforros. O BNG critica que mentres os xestores da banca disfrutan actualmente das exorbitantes remuneracións, bonus e idemnizacións autoadxudicadas e toleradas polo Banco de España e polo Goberno central, máis de 62.000 familias galegas están sumidas na anguria e na desesperación por non poder recuperar os seus aforros.

 

A Executiva Nacional do BNG, que lle transmite todo o seu apoio e solidariedade ás persoas afectadas, pon de manifesto que a aplicación da quita que vén de ser anunciada polo FROB consagrará unha estafa que lles afecta a máis de 60.000 familias galegas, que foron enganados pola banca coa complicidade da Xunta de Galiza e do Banco de España. Afirman os nacionalistas que o anuncio que vimos de coñecer confirma as mentiras e o engano de Feijóo, que incumpriu todas e cada unha das promesas electorais realizadas ás persoas estafadas. Ademais, responsabilizan o Goberno Central e a Xunta de Galicia das consecuencias sociais que disto se derivan e tamén das eventuais consecuencias para a convivencia cidadá e para as persoas.

 

O BNG sempre rexeitou a fraude e a ilegalidade destes produtos financeiros complexos colocados polas entidades bancarias mediante o engano e tamén se se opuxo sempre á fórmula de canxe das preferentes e subordinadas por accións. De feito, os nacionalistas sempre defenderon a devolución do 100% dos aforros en cartos, en liquidez, non en produtos financeiros.

 

Pola outra banda, a Executiva Nacional do BNG rexeita as sucesivas decisións adoptadas polo Partido Popular e Bruxelas que buscan detraer recursos dos aforradores para colmar as necesidades do enorme burato das entidades financeiras e anuncia unha batería de iniciativas en todas as institucións en que ten representación o BNG para impedir este atropelo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG