Davila reprocha ao Presidente da SEPI que "aínda estean a estudar a consulta formal na UE polo dique

O Presidente da SEPI, Ramón Aguirre, compareceu esta tarde a solicitude do BNG para aclarar se houbo consulta formal ante a UE para proceder á construcción do dique flotante en Navantia na Ría de Ferrol.

O responsábel da SEPI acudiu con carácter urxente esta tarde ao Congreso, despois dunha convocatoria de comparecencia que se realizou este mesmo mediodía. Na orde do día, as solicitudes de comparecencia do BNG sobre o dique flotante e o futuro de Navantia Ferrol e Fene.

Sobre estes temas, Ramón Aguirre admitiu que só fixeran consultas informais e que aínda agora, e a raíz da xunta que mantivo o pasado 4 de marzo en Ferrol, “abrimos as consultas oportunas co Goberno para ver de face a consulta formal”. Engadiu que “o primeiro que se plantexa é se realizar só a consulta polo dique, ou tamén engadir o levantamento das restriccións na construcción naval”.

Recoñeceu ao BNG que “estamos nese momento e estudando as consecuencias da consulta formal”. Sinalou que “pasados 17 días, iniciamos os traballos” e contactos con diferentes Ministerios para saber cais son os trámites para consultar tamén o tema das restriccións impostas pola UE no ano 2005 e “iniciar a consulta formal”.

“Tomadura de pelo aos traballadores de Navantia na Ría de Ferrol”

A portavoz do BNG no Congreso criticou a xestión “política do Goberno do PP, do Señor Rajoy. A súa comparecencia ven a xustificar a ineficacia e os incumprimentos do PP tanto na campaña electoral das xerais como nas galegas. Vostés comprometéronse a facer o dique flotante e a unha carteira de pedidos.

Que despois de todo este tempo, veña hoxe a dicer que están en trámites para formalizar unha consulta formal, é, Señor Aguirre, unha tomadura de pelo aos traballadores de Navantia Ferrol e Fene”.

Davila reprochou a Ramón Aguirre que “despois de todo este tempo só nos fale de consultas informais”.

Ademáis, enfatizou, “non é só unha cuestión de consultas. Deben plantar cara na UE, e non estar sempre ao dispór de se Europa di que se pode ou non porque Señor Aguirre, Europa nunca vai dicer que si”.

A portavoz do BNG acusou ao PP de xogar con esta cuestión porque “non vai haber dique porque vostés non incluiron ningunha partida nos Orzamentos do Estado para esta infraestructura, e tampouco apoiaron unha resolución do BNG sobre este tema. E cónstanos que non é por problemas de limitacións da UE, senón por falla de vontade política. O Goberno non ten vontade de salvar postos de traballo”.

“O Goberno do Estado ten que facer algo máis que consultas formais ou informais, ten que facer unha xestión decidida tanto para que se faga o dique flotante como para o levantamento do veto. Pedímoslle respostas para garantir os postos de traballo en Navantia na Ría de Ferrol, que por certo hoxe se movilizaron diante da delegación de Facenda”.

Finalmente, a deputada do BNG tamén puxo enriba da mesa os contratos con PEMEX, e deixou claro que “o BNG quer crer nos contratos, quer crer na súa existencia porque Ferrol e Vigo o precisan”. Máis, lembrou que depende dun concurso público da empresa pública mexicana.

Criticou o Plan de Competitividade hoxe avanzado polo Presidente da SEPI, porque “só se basea na reducción de custes, e nos preocupa porque iso implica reduccións salariais ou de plantilla”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG