Condena e dor ante o feminicidio de Becerreá a combater con medidas radicais e repulsa social

O BNG reitera a súa repulsa contra todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres que teñen no asasinato a súa expresión máis extrema, tras coñecer un novo caso de terrorismo machista que acabou coa vida dunha muller no concello de Becerreá.

Acto denuncia do terrorismo machista

A secretaria de Acción Feminista do Bloque, Noa Presas, subliñou que “o feminicidio é o último chanzo nunha escalada de violencia progresiva contra a muller” polo que considera unha cuestión de supervivencia para as mulleres “involucrar a toda a sociedade e a todas as institucións para poñer fin ao permanente estado de alarma no que vivimos instaladas as mulleres polo único feito de sermos mulleres”.

O BNG continuará a esixir que as institucións e poderes públicos radicalicen a toma de medidas urxentes para avanzar na prevención incrementando orzamento, persoal e recursos existentes. Presas reiterou “a necesidade de modificar a Lei Integral contra a Violencia de Xénero para introducir o termo feminicidio e iniciar os traballos correspondentes para o desenvolvemento dun Estatuto de vítima do feminicidio”.

Así mesmo, o Bloque pon en valor a importancia fundamental que ten a mobilización social contra a violencia machista para a súa visibilización e a toma de conciencia colectiva sobre esta lacra. Por isto, chama a participar masivamente en todas as convocatorias e actos públicos que o se convoquen desde o feminismo ou calquera instancia.

Esta mesma semana, o BNG defendeu no Parlamento galego a través da deputada Carme Adán a posta en marcha dun plan urxente de medidas contra a violencia machista, e propuxo igualmente que o chamado salario da liberdade sexa unha liña de axudas operativa todo ano para as mulleres maltratadas. Ambas propostas foron rexeitadas polo PP.

Presas recordou a agresión homófoba en Santiago de Compostela, que insta a condenar acudindo á convocatoria de mañá venres ás 12:00 na praza do Obradoiro. “A violencia patriarcal non ten cabida no mundo que queremos construír e denunciaremos as súas formas en todos os espazos posíbeis”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG