parlamento europeo

A Comisión de Política de Cohesión aproba as emendas do BNG á proposta de Lei de Materias Primas Críticas que garanten o control público dos proxectos

Ana Miranda Comisión
Ana Miranda Comisión
Ana Miranda: “Para o Bloque é fundamental reforzar os criterios medioambientais para que Galiza non sexa un territorio en disputa”

A Comisión de Política de Cohesión do Parlamento Europeo que se celebrou hoxe en Bruxelas aprobou un total de 45 das 50 emendas presentadas pola eurodeputada do BNG á proposta de Lei europea de Materias Primas Críticas, que tantas repercusións pode ter en Galiza, centradas sobre todo no control público dos proxectos, a transparencia e a protección do medio ambiente e do patrimonio cultural.

“Para Galiza é unha boa nova que a nova lei contemple o aumento da protección do medio mariño e costeiro para evitar vertidos nas nosas rías e garantir a maior participación das mulleres na toma de decisións”, subliñou Ana Miranda, quen ademais considera que garantir o control público de todos os procesos do ciclo de vida relacionados coas materias primas críticas e estratéxicas suporá un importante avance na protección do medio ambiente.

A eurodeputada do Bloque sinala que esta nova lei europea, que posiblemente se votará en sesión plenaria no mes de outubro, ten moitas implicacións para o futuro de Galiza en materia de sostibilidade, ao tratarse dun país cun subsolo moi rico en minerais. Entre estes minerais figuran materias primas estratéxicas de gran importancia económica e que presentan un alto risco de subministración, como poden ser o litio para as baterías ou o silicio para os semicondutores.

Frear o espolio

“Do mesmo xeito que no BNG mantemos unha férrea oposición aos megaproxectos eólicos que supoñen un terrible espolio do noso país, pensamos que Galiza non pode permitir o espolio do seu subsolo” , manifesta Ana Miranda. Neste sentido subliña que para o Bloque é fundamental reforzar os criterios medioambientais e sociais na proposta de lei que actualmente se está debatendo en Bruxelas “porque senón Galiza vai ser un territorio en disputa”. “Temos que poñer a disposición todos os medios posibles para frear o espolio”, conclúe.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG