Senado

Carme da Silva a Rueda: “Non disfrace a súa incompetencia e irrelevancia como roubo á Galiza”

Carme da Silva
Carme da Silva

A senadora do BNG constata un goberno da Xunta de Galiza “en tempo de desconto, desgastado e pasivo” e un Presidente que se limita a exercer como “militante do PP”

“É fácil concluír que hai unha Comunidade Autónoma beneficiada no Estado, que é Madrid. Velaí a desiguladade da que fala Rueda” recrimina da Silva

A senadora do BNG, Carme da Silva, evidencia a incompetencia e irrelevancia política do Presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, durante a comisión das CCAA e denunciou o rol “disciplinado” cumprindo co guión que lle enviaron desde Génova. Pola contra, da Silva, sinalou que a Galiza non merece un Goberno “xa desgastado, pasivo e en tempo de desconto” e reivindicou un novo Goberno da Xunta que “realmente se implique nos intereses dos galegos e galegas” cun financiamento xusto, mellores infraestruturas, maiores cotas de autogoberno e de benestar.

Durante a comisión do Senado das Comunidades Autónomas, a senadora por designación autonómica do BNG criticou o papel do Presidente da Xunta de Galiza que, no canto de explicar as necesidades e os intereses de Galiza, “cumpriu disciplinadamente o guión do PP de Génova. Limitouse a exercer como militante do PP”.

“Galiza merece un Goberno da Xunta que realmente se implique nos intereses dos galegos, para que teñamos un financiamento xusto, mellores infraestruturas, máis cotas de autogoberno e de benestar. Non merece un Goberno xa desgastado, pasivo e en tempo de desconto. Hoxe evidenciou que o seu Autonomismo Responsábel consiste en cumprir debidamente os ditados de Génova e abdicar como Presidente de Galiza” sinala.

Rueda disfraza a súa incompetencia e irrelevancia tras 14 anos de PP na Xunta

“Non falou nada do financiamento de Galiza, non falou tampouco sobre o financiamento dos concellos galegos que están absolutamente discriminados, como tampouco falou das competencias transferidas á Galiza porque tampouco pode: en 14 anos de goberno do PP na Xunta transferíronse cero competencias” afirma Carme da Silva mentres sinala que Andalucía asumía 11 novas competencias, Catalunya 17 e Euskadi 26.

Así mesmo, denuncia que o PP non puxo nunca unha proposta sobre a mesa para modificar o financiamento autonómico e que sexa xusto para Galiza. “Preocúpalle a igualdade no trato económico, mais non consigue Fondos Next Generation, fundamentais para a industria e sectores estratéxico do noso pais” enfatiza. Mesmo, critica da Silva, Rueda denunca que outras CCAA conseguen “cantidades astronómicas” a conta de todos, “cando el é incapaz de facer o que fixo o Señor Bonilla en Andalucía que se acaba de levar 350 millóns para os regadíos de Huelva”.

Non hai igualdade. “Hai unha Comunidade Autónoma beneficiada no Estado: Madrid”

“Preocúpalle a igualdade pero cala cando sistematicamente Madrid é a máis beneficiada nos investimentos do Estado. Lembrámoslle que en 2021 o grao de execución dos investimentos foi do 186%, acaparando 900 millóns máis de investimento dos inicialmente previstos, mentres que o grao de execución en Galiza non pasa habitualmente de 60%” exemplifica da Silva.

Tampouco hai igualdade, destaca a senadora do BNG, cando temos as pensións e os salarios maís baixos, o AVE chega con 30 anos de retraso e non temos cercanías. “Non hai igualdade cando recibimos menos investimento por habitante, cando as multinacionais eléctricas explotan os nosos recursos e tributan en Madrid ou seguimos a pagar a estafa de AP-9” enfatiza.

Vitimismo e confrontación coa Lei do litoral, sen asumir novas competencias

Por último, a senadora do BNG cualificou como “inadmisíbel” o recurso do Goberno central á lei do litoral de Galiza. “Mais o señor Rueda veu facer vitimismo. O PP quería un confronto co Goberno central e presentan unha lei “chapuza” no canto de facer ben o traballo para asumir as competencias en materia de litoral que nunca lle interesaron durante os Gobernos de Rajoy, e “só lle preocupou no momento no que periga a localización de ENCE na Ría de Pontevedra”. Do mesmo xeito, “non lle interesa a transferencia da AP-9 como hoxe quedou aquí evidenciado. Nin unha soa mención”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG