A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna do Congreso esta mañá para deixar claro o voto en contra do BNG á reforma do Código Penal do PP que estabelece a cadea perpetua baixo o eufemismo de prisión permanente revisábel.
A reforma do Código Penal supera hoxe o último trámite co debate no pleno das emendas procedente do Senado, que a xuizo da deputada do BNG non serviron para cambiar unha normativa que é un grave retroceso na xustiza e nas liberdades.
Censurou ao Goberno por facer ouvidos xordos das reflexións, advertencias e críticas procedentes de distintos ámbitos, sobre todo do eido xurídico. Vostedes mantivéronse impertérritos na defensa dunhas medidas totalmente negativas e que van en contra do estabelecido na propia Constitución en relación ao concepto de resocialización das penas.
Acusou ao PP de realizar unha reforma en atención a argumentos baseados no populismo. Criticou duramente a regresión que supón o estabelecemento da cadea perpetua que chaman prisión permanente revisábel. Reprochou ao Goberno de se afastar do que emana da propia Constitución en canto á resocialización das penas e expresou o desexo de que esta reforma conte con moitos recursos de inconstitucionalidade e ogallá poida voltarse á cordura para impartir a xustiza desde a razón e non desde a irracionalidade das emocións.
Rematou Davila deixando claro que o BNG está totalmente en contra desta reforma porque o PP incide na súa actitude represiva que caracteriza a este Goberno.