BNG ultima un novo modelo de primaria con tres piares: suficiencia financeira e de persoal e novos servizos sanitarios

Reunión Parlamento
Reunión Parlamento

Pontón denuncia que o PP recortou prazas MIR e de xeito deliberado non planificou o persoal sanitario, pese a coñecer as xubilacións previstas

Encontro con colectivos sanitarios para explicar a proposta que busca que atención primaria volva ser o corazón do sistema público de saúde

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo unha xuntanza cunha ampla representación de colexios e profesionais da sanidade con que compartiu as propostas do BNG para un novo modelo de atención primaria no que traballa a formación nacionalista.

Un novo modelo que, explicou a líder do Bloque, aséntase en tres piares: suficiencia financeira, suficiencia no persoal sanitario e a incorporación de novos servizos sanitarios como psicoloxía clínica, logopedia, podoloxía entre outras.

“Galiza está á cola do Estado en investimento en atención primaria, de tal xeito que, despois de Madrid, é a comunidade que menos porcentaxe do orzamento total de sanidade destina a primaria”, recalcou, arredor dun 14%, moi por debaixo do 25% que recomenda a OMS. Pontón engadiu ademais outro dato que explica a situación dos centros de saúde: o dato de 2.339 millóns de euros de recorte acumulado entre 2009 e 2023.

“O PP está instaurado na estratexia de botar balóns fóra, cando recortou o número de prazas MIR entre 2011 e 2016, sen planificar o persoal necesario pese a que sabía perfectamente as xubilacións previstas” recalcou Pontón, quen tamén subliña que o persoal médico “foxe das condicións de precariedade de primaria e un 30% das persoas que cursan o MIR nesta especialidade renuncian a traballar nos centros de saúde”.

Fronte a isto, o BNG propón un modelo de atención primaria baseado en equipos multidisciplinares de profesionais, en número suficiente e con estabilidade laboral para poder atender en condicións as demandas dos galegos e das galegas. A portavoz nacional defendeu unha atención primaria “que volva ser o corazón do sistema público e que non só atenda á enfermidade, senón á prevención e a promoción da saúde”.

Neste sentido, a proposta que ultima o Bloque incorpora á carteira de servizos de primaria categorías imprescindibles para prestar unha atención integral, como as xa citadas psicoloxía clínica, podoloxía, fisioterapia, logopedia, entre outras.  

Pontón avanzou un decálogo de medidas par lograr ese novo modelo de atención primaria, empezando polo financiamento: aumento do orzamento destinado até chegar ao 25% do total destinado a sanidade. No inmediato un plan de choque de 200 millóns para ir compensando os 2.339 millóns acumulados que deixou de investir desde 2009. Segundo, modificación do decreto que regula as areas sanitarias para crear unha estrutura de xestión con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos.

Terceiro, reforzar  todas as categorías xa presentes en atención primaria en función dos rateos establecidos polas comunidades científicas. Cuarto, incorporar categorías imprescindíbeis para  prestar unha atención integral, como as xa mencionadas.

En quinto lugar, poñer en funcionamento as carteiras de servizo de cada categoría profesional, facilitando a autonomía e permitindo ás persoas doentes pedir cita directamente. Sexta, garantir que nos PACs presten atención sanitaria equipos completos de profesionais, formados por persoal facultativo, enfermería e celadoras/es, persoal de servizos múltiples, como de feito xa establece a normativa e os acordos asinados cos e coas  profesionais.

Probas diagnósticas

Sétimo, plan inmediato para reter e captar profesionais, que incorpore ofertas con condicións laborais dignas para que se queden os que rematan a formación en Galiza e retornen os que están fóra. En oitavo lugar, garantir que os profesionais de primaria podan pedir probas diagnósticas e estas sexan informadas polos servizos correspondentes.

Como novena medida, dotar as áreas administrativas do persoal necesario e da estrutura que lle garanta as persoas doentes que poden expoñer a súa situación con total confidencialidade e preservando a súa intimidade. Finalmente, o decálogo inclúe a recuperación dos acordos asinados no ano 2008 en materia laboral e salarial.

A reunión de traballo, na que tamén participou a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, asistiron representantes de diversos profesionais e colectivos laborais da sanidade, entre eles dos colexios de psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, traballo social, podoloxía, hixiene dental, persoal celador e de servizos xerais, así como de farmacia de primaria, representantes da Asociación galega de enfermería familiar e comunitaria e responsables da CIG-Saúde.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG