O BNG rexeita os Orzamentos por "continuístas" e incidir en políticas erráticas

A deputada Ana Pontón afirmou que os últimos Orzamentos da Lexislatura continúan na senda das políticas que causaron “ paro, pobreza, desigualdade, inxustiza e consolidou a Galiza como un país Low Cost”. A parlamentaria lamentou que, unha vez máis, "o rodillo" do Partido popular non aceptara nigunha das emendas presentadas pola oposición.

Intervención de Ana Pontón na defensa das emendas aos Orzmentos 2016

 Pleno.- A parlamentaria do BNG, Ana Pontón pediu a retirada dos últimos Orzamentos da lexislatura e modificar a estrutura de gastos. A deputada manifestou os orzamentos camiñan na senda das políticas que causaron “paro, pobreza, desigualdade, inxustiza e consolidan a Galiza como un país Low cost”.

A política do Goberno dixo, “deixou na cuneta a persoas que sufriron con maior crueza unha crise causada pola banca e un modelo colapsado” e estes orzamentos, recalcou, insisten “nunha política errada” consolidando o papel marxinal e espolio do noso país.

As políticas do Goberno popular e de Feijóo,engadiu, incrementaron o desmantelamento do tecido producido, as desigualdades e agudizaron “os problemas de Galiza antes da crise”. No ano 2014, explicou a nacionalista, dous de cada dez fogares declaran ter moitas dificultades para chegar a fin de mes e segundo os datos de Cáritas existen en Galiza máis de 600 mil persoas en risco de pobreza e exclusión social, circunstancia que “o Goberno sempre intentou minimizar”. Por outra parte, temos 177.000 persoas en paro sen prestación que viven grazas ao “colchón da solidariedade familiar” e vemos como durante a crise desenvolvéronse novas “formas de pobreza” en xente traballadora con salarios que non lles permiten chegar a fin de mes.

A deputada criticou que nove de cada dez empregos sexan precarios cunha duración dunha semana, un mes ou por horas, iso, dixo, “non é crear emprego de calidade” e lembrou que un de cada tres traballadores cobran menos de 1.000 euros e tres de cada dez están por debaixo do salario mínimo interprofesional.

Ana Pontón

Xa no debate sobre as emendas, Pontón criticou que o goberno non aceptara “ningunha” das máis de 450 presentadas polo BNG destinadas a modificar o que cualificou de prioridades entre as que destacou as destinadas a: “crear emprego e contra a precariedade, loitar contra emigración, a defensa do medio ambiente, garantir os dereitos sociais e servizos públicos e emendas que defendan a nosa lingua e cultura”.

Emendas defendidas polo BNG

Presidencia: Rectificar as políticas de recortes en Igualdade e prevencións da violencia de xénero con medidas “reais” para erradicar as causas con “catro millóns de euros para promoción da Igualdade”.

Turismo: Mudar o modelo centrado exclusivamente no Camiño de Santiago e diversificar o turismo cun Plan estratéxico dotado con catro millóns de euros.

Emigrantes: Dotar con 2,3 M€ para garantir a prestación pública sanitaria aos emigrantes despois do desmantelamento do centro hospitalario de Bos Aires.

Vicepresidencia: Recuperar os niveis do ano 2009 para cooperación e rescatar os servizos públicos privatizados como os parques de bombeiros dotándoos de 7,7 M€ e destinar 3,6M€ para incrementar o emprego público nos concellos.

Facenda: Dotación de 2,8 millóns de euros para loitar contra o fraude, evasión e elusión fiscal practicadas polas grandes empresas e grandes patrimonios e “crear unha oficina de control orzamentario” como instrumento para confirmar a execución das partidas aprobadas no Parlamento.

Medio Ambiente e Ordenación do Territorio: Destinar 12 millóns de euros para rexenerar as rías priorizando a Ría do Burgo e a de Ferrol cun alto nivel de contaminación. Sobre os residuos, Pontón defendeu apostar pola compostaxe en plantas comarcais e manifestou o seu rexeitamento ao modelo SOGAMA. Incrementar as axudas por fauna salvaxe e aumentar os espazos protexidos foron algunhas das propostas nesta materia.

Infraestruturas e transporte: Reducir o gasto en cemento e incrementar e rescatar as políticas sociais de vivendas, unha das partidas que o Goberno de Feijóo “máis rebaixou”. A deputada propuxo destinar 20 M€ para aluguer social e rehabilitación e contra os desafiuzamentos.

Sobre trasporte pediu a súa modernización, a intermodalidade e sostenibilidade apostando por servizos de cercanias cunha dotación de 5,5 millóns de euros.

Economía, emprego e Industria

O BNG prioriza nesta materia a “creación de emprego de calidade” actuando contra a fenda salarial e a precariedade laboral entre a mocidade e mulleres así como proxectos innovadores para o Sector naval cun centro de reparacións para Ferrol como prometeu o propio Feijóo no ano 2009. A loita contra a “pobreza enerxética” e o impulso “dunha tarifa eléctrica galega” tamén foi motivo dunha emenda nacionalista.

Cultura e Educación: O BNG propón rescatar a cultura da asfixia económica a que someteu á cultura o Partido popular apostando pola promoción do libro en galego, a rehabilitación do patrimonio cultural, rescatar da xestión privada os centros de arqueoloxía, eliminar os recortes no ensino público recuperando profesorado e a gratuidade do libro de texto.

Incrementar o orzamentos para as universidades en seis millóns de euros así como as bolsas para o acceso á universidade. Pontón reivindicou mais medios para “normalizar a lingua galega” incrementando o seu uso.

Sanidade: O BNG propón 42 millóns de euros para a “reversión” do Hospital de Vigo que debe ser “cen por cen público”. Medidas de choque contra as listas de garda e dotar de melloras a atención primaria e atender a demanda da vacina da meninxite B.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG