parlamento galego

BNG responde ao conselleiro de Medio Rural que sobran textos legais e falta “proxecto de país” para que non sigan pechando ás explotacións agrarias

Mini Rivas
Mini Rivas
Xosé Luís Rivas asegura que o anuncio de 10 mil has mobilizadas e futuras concentracións parcelarias son “insuficientes” para frear o abandono da  actividade agraria e dependencia alimentaria

Afirma que o problema do rural galego un nome: “abandono”. Abandono da actividade agrogandeira, poboacional, caos forestal polo exceso de biomasa e falta de relevo xeracional

Tras a comparecencia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez para explicar as actuacións da Lei de recuperación da terra agraria e concentracións de parcelas, o portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas respondeu que “sobran textos legais” e falta  “proxecto de país” para impedir que as explotacións agrarias continúen pechando.

Por outra banda, cualificou de “insuficientes” as 10 mil Has mobilizadas  e denunciou  “as longas demoras” nas concentracións parcelarias entre as que destacou Sandónigas no ano 1967 ou o peche en precario ou enquistado de Catoira e Zona Norte de Mondoñedo.

As políticas agrarias do  Partido  Popular desde a reforma da PAC do 92, afirmou o nacionalista,  levaron a este país ao abandono da actividade agraria e a unha dependencia alimentaria e produtiva suicida e hoxe, 11 de abril de 2023, “Galiza xa non produce  cereal” para facer o  pan porque as comarcas cerealistas están “a  toxo e matogueira”.

Xosé Luís Rivas (Mini), salientou que en todo este proceso de deterioro houbo un paréntese breve pero aleccionador de tres anos e medio cun  goberno bipartito  sensato que apostou pola mobilidade de terras coma prioridade urxente e comezou o labor cunha lei  que activaba as terras infrautilizadas e as unidades conxuntas de xestión do monte. Un goberno,  que espallou todos os activos humanos e económicos ás aldeas para promocionar e darlle vida a un rural que o Partido popular se empeñou en  esganar.

O PP leva 13 anos agrandando a desagrarización e o caos e despois  do desastre de outubro do 17, presentan un texto legal  “pola porta de atrás” para promocionar basicamente as aldeas modelo. “Unha propaganda moi cara en investimentos e con escasos resultados”. Unha proposta que consuma o abandono e sen intención de revertelo.

Nesta liña, engadiu que Informes parciais elaborados por expertos vaticinan que en Galicia a porcentaxe media de terra agrícola que se perderá nos próximos 10 anos será do 35%. E os  informes globais, os de verdade, os que facemos todos os  días reflicten que cada   ano pechan  explotacións  porque  “a recuperación non existe, e as  súas políticas son maquillaxe barata que non leva a ningures”.

O texto legal  do que tanto presume, recalcou Rivas,  ten un problema de horizonte porque non facilitará a terra agraria a pequenos e medianos proxectos. Os grandes beneficiarios serán á grupos empresariais e agrogandaría industrial. Tres consorcios internacionais de capital estadounidense que  controlan o 28% do rico territorio ucraíno. 17Millóns de hectáreas en maos de Cargill, Dupont e Monsanto.

O deputado do BNG urxiu a iniciar unha reestruturación da propiedade marcando dinámicas de desenvolvemento e mellora agraria, con  planificación e considerando a  “propiedade agraria coma un ben social”. Mentres en Galiza contamos co 23% de Sau, en Bretaña alcanzan o 60% e en Irlanda, o 65%, esas son porcentaxes ás que temos que aspirar ou superar, recalcou o deputado.

O medio rural galego ten nome propio: ABANDONO

Na quenda de réplica ao conselleiro, Xosé Luís Rivas insistiu en que o rural galego ten un nome: abandono. “Abandono da actividade agrogandeira, abandono poboacional, caos forestal por exceso de biomasa e falta  de relevo xeracional nas explotacións”.

Na súa opinión, este abandono pode ser freado a través doutras políticas porque “sobran leis e falta un proxecto de país” para dotar  as OACs de persoal formado, recursos financeiros ao Plan Integral, medidas cara un horizonte de soberanía alimentaria e  recuperar poboación. Para todo isto, volveu a dicir  o nacionalista é necesaria “vontade política e non vender o noso país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG