O BNG reproba a carga policial contra os naseiros galegos

Concentración de naseiros contra o Plan do Polbo 2013
O BNG reproba a carga policial contra os naseiros galegos

O portavoz de pesca, Daniel Rodas denuncia a incapacidade da titular de Mar para dialogar e acúsaa de agocharse tras as federacións e antidisturbios que agrediron aos naseiros galegos.

O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas acusa a Conselleira do Mar de consentir a carga policial dos antidisturbios contra os mariñeiros que cuestionan a representación das federacións, poñen en entredito o acordo acadado e reclaman negociar directamente a elaboración do novo Plan do polbo.

Para o deputado, as eleccións nas confrarías representan unha asignatura pendente, nalgúns casos, porque levan máis de 7 anos sen que se renoven os pósitos, e noutros porque nin sequera hai substitutos para xubilacións ou renuncias, o nacionalista considera que esta situación parece non preocuparlle á consellería mentres teña garantido o control do sector.

 A consellería do Mar non recoñece a súa responsabilidade

Nunha iniciativa rexistrada no Parlamento galego, Rodas afirma que a propia consellería do Mar leva máis de catro anos xestionando a pesquería do polbo e se “as capturas descenderon drasticamente”, como ela mesma manifesta, algunha responsabilidade terá nesta materia.

Por outra parte, engade o deputado, existe un servizo de Gardacostas que debe velar pola aplicación do Plan, pero é un servizo que está a ser privatizado e entregado a empresas navieiras moi coñecidas, mentres se xubila o persoal funcionario e as lanchas permanecen amarradas.

Flota amarrada e sen axudas

O parlamentario lembra que flota do polbo leva amarrada dende o 17 de maio, sen que se habilitaran axudas para non verse obrigados a pescar outros recursos e aumentar a presión sobre os mesmos.

Na súa opinión, resulta “intolerable” que nestes tempos que corren, quen reclama capacidade de diálogo, interlocución para que o plan se axuste a realidade dun sector se vexa acurralado porque as prohibicións impostas por Bruxelas, o aumento das importacións e baixos prezos, explica,”fan moi difícil a supervivencia”.

Ademais de todo o exposto, afirma Rodas, a titular da Consellería do Mar, Rosa Quintana en troques de dialogar e tentar comprender a situación de extrema gravidade que sufre a flota, aplica con rigor a política da UE que a aboca ao seu desguace, asume a política do Estado español que non cree nas posibilidade de pesca en augas da UE ou internacionais e aplica un modelo medioambiental que non está pensado para a flota artesanal, nin para as persoas.

Unha conselleira do Mar submisa ás políticas foráneas

O deputado do BNG denuncia a actitude da conselleira que acata e aplaude as políticas que veñen de fora mostrándose submisa a todo o que ven imposto e “non ten escrúpulos” en utilizar as federacións para ter baixo control o sector e consentir a agresividade das forzas da orde pública ante as protestas.

O BNG considera que xa está ben de escudarse detrás das federacións para xustificar a “inoperancia da Consellería” polo que esixe responsabilidades ante a actuación desproporcionada das forzas de seguridade que ocasionaron feridos e provocaron a detención inxustificada dun mariñeiro.

Rodas conclúe reclamando que a Conselleira pida desculpas pola desproporcionada actuación policial e abra o dialogo có sector porque de non ser así, a súa actuación será máis semellante á do Delegado do Goberno que á da representante do sector do mar galego.

 

 

 

O BNG reproba a carga policial contra os naseiros galegos