O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, o portavoz no Parlamento galego, Francisco Jorquera, e a deputada na Cámara galega, Carme Adán, acudiron este mediodía ao Tribunal Constitucional a presentar un recurso de amparo polos recurtes de iniciativas parlamentares e de tempos ao BNG no Parlamento galego.
Á saída do rexistro do Constitucional, o portavoz nacional do BNG deixou claro que o Parlamento galego é a principal institución democrática de Galiza, polo tanto, non podemos aceitar ningún tipo de recurte na calidade da democracia na Cámara. Xavier Vence alegou que o PP está vulnerando o dereito do grupo parlamentar do BNG e de paso, estánse a vulnerar os dereitos dos cidadáns representados através dos parlamentares do BNG.
Acusou á Presidencia da Cámara galega de facer unha interpretación arbitraria das normas e deseguer as directrices do PP que non se axustan a dereito nin ao Regulamento da Cámara. Culpou ao PP de reducir a calidade democrática e afirmou que non imos renunciar aos nosos dereitos de facer preguntas ao Presidente do Executivo, nin ao noso cupo de iniciativas. Sinalou que o propósito da Presidencia da Cámara e do PP é o de reducir a voz e a calidade democrática dos que levamos os intereses dos cidadáns e do pobo galego ao Parlamento galego.
Subliñou que estamos dispostos a dar a batalla para garantir os dereitos dos parlamentares e da cidadanía e criticou a desvalorización e degradación da democracia que fai o PP. Un PP que usa o poder político para mermar a calidade da democracia e a capacidade de iniciativas do BNG. Non imos aceitar a imposición arbitraria do PP.
Jorquera: Estamos perante a táctica do PP porque lle molesta a crítica e as propostas do BNG
Jorquera explicou aos medios que o recurso perante o Tribunal Constitucional é porque se está a conculcar un dereito básico do grupo parlamentar do BNG, e de paso, estánse a conculcar os dereitos dos cidadáns por se dificulta o debate político sobre os problemas dos cidadáns. Salientou que a decisión da Mesa de recurtar as iniciativas do BNG é unha decisión que se toma conculcando asemade as garantías procedimentais básicas, cambiando incluso normas en vigor para dar a esta decisión un falso revestimento de legalidade.
Recriminou á Mesa do Parlamento galego a aplicación na práctica dunhas normas para uns grupos e doutras para outros. Reprochou que se diga que se produciu unha modificación da composición no Parlamento galego cando hai un dado obvio: o grupo parlamentar do BNG é o mesmo, segue a ter a mesma composición. Neste sentido, puxo en evidencia a táctica do PP para anular o debate parlamentar. Ao PP moléstalle a crítica e as propostas que fan formacións como o BNG. É un recurte de dereitos e liberdades. Quer amordazar ás formacións que lle molestan como o BNG.
Dirixiu tamén as súas críticas cara Feijoó porque sistematicamente négase a comparecer, ten convertidas as sesións de control en sesións de preguntas á oposición. Sen esquecer que o PP bloquea sempre as Comisións de Investigación.
Carme Adán: Vivimos momentos de anomalías democráticas
Carme Adán afirmou que vivimos momentos de anomalías democráticas no Parlamento galego e criticou a decisión unilateral da Mesa de reducir ao grupo parlamentar do BNG a súa capacidade de presentación de iniciativas en pleno, e incluso eu mesma fun expulsada pola Presidencia por facer uso do Regulamento por ter dereito a intervir dez minutos.
A deputada do BNG puxo de manifesto que o grupo parlamentar do BNG decidiu presentar este recurso de amparo por dous motivos: un motivo político e un motivo moral. Non estamos dispostos a que o Parlamento galego se convirta nunha casca valdeira. Considerámolo un espazo de debate e para elevar os problemas dos cidadáns.
Engadiu asemade que temos unha obriga moral porque debemos continuar trasladando ao Parlamento galego os problemas da xente e dos colectivos empobrecidos debido ás políticas do PP.