parlamento galego

BNG pide á Xunta vontade negociadora para mellorar as condicións laborais dos traballadores dos consorcios provinciais de bombeiros e salvamento

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés lembrou que a xestión directa dos consorcios permite a subrogación das relacións laborais do persoal e afeou que a Xunta se negue a recoñecer a fixeza dos traballadores subrogados

O deputado do BNG, Iago Tabarés demandou da Xunta “vontade negociadora” para mellorar as condicións laborais e profesionais dos traballadores dos consorcios provinciais de extinción de incendios e salvamento.

Na pregunta parlamentaria ao goberno, o deputado  explicou que coa chegada do BNG aos gobernos das deputacións provinciais comezou o proceso para que os consorcios asumiran “a xestión directa dos parques comarcais”, naquel momento externalizada en tres empresas. A xestión directa foi asumida no ano 2019 polo consorcio de Lugo, no 2020 polo da Coruña, no 2021 por Pontevedra e no 2023 por Ourense.

Os parques tiñan que asumir a subrogación nas relación laborais dos traballadores, condición que mesmo foi ratificada por unha sentenza do Tribunal Supremo e especificando que era “inadecuado” aplicar a categoría de indefinido non fixo.

Por esta razón, recalcou Tabarés, non entendemos a actitude da Xunta e do Partido popular negándose a recoñecer esta condición, sobre todo porque a precariedade de medios e condicións laborais nos parques son “consecuencia dunha xestión anterior na que primaba o beneficio empresarial”.

O 13 de xuño, engadiu, os traballadores  renunciaron a facer horas extraordinarias de xeito voluntario, en  350 ocasións e  diferentes parques tiveron que pechar por falla de persoal.

Por outra parte, a Xunta de Galiza negouse a manter un encontro cos traballadores e tampouco asistiu a unha reunión que cancelou cunhas horas de antelación.

Dende o ano 2007, a Xunta está facendo abandono das súas funcións xa que tiña a obriga de homoxeneizar, nun prazo de tres anos, as prestacións e condicións de traballo do persoal de todos os consorcios e nun prazo de 6 meses aprobar o regulamento do bombeiro profesional.

Iago Tabarés acusou á Xunta de non cumprir o mandato legal e subliñou que o orzamento do ano 2020 superaba unha partida para os consorcios dun 20% máis que a prevista para o ano 2024.

Tras a resposta do vicepresidente 1º, Diego Calvo que responsabilizou a outras administracións do conflito e non se comprometeu a reunirse cos traballadores afectados, o deputado nacionalista reprochou ao membro do goberno o voto en contra  do PP  nos consorcios e Parlamento para mellorar as condición laborais  e mesmo de iniciar recursos contra sentenzas xudiciais que dan a razón aos traballadores. Non entendemos, remarcou, “a contumacia da Xunta” e a súa falta de vontade negociadora.

O deputado acusou a Calvo de proceder de maneira “inxusta e irresponsable cos traballadores” así como co funcionamento dun servizo esencial.  Tabarés insistiu en que o consorcio é unha entidade participada ao 50% polas deputacións e a Xunta de Galiza. E son os  propios traballadores mobilizados os que  piden a dimisión do director de Emerxencias por non respectar que todos os traballadores dos consorcios deben ter as mesmas condicións laborais, como figura na lei de Emerxencias, “esa que vostedes levan incumprindo dende hai 14 anos e que  impón o sistema de financiamento tamén participado pola Xunta”.

Finalmente, o nacionalista volveu a reclamar unha reunión da Xunta cos traballadores para negociar a fixeza, solicitude sobre a que o Vicepresidente non se pronunciou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG