BNG pide o pronunciamento de Augas de Galiza sobre o parque empresarial de Pontecesures por ser zona de risco de inundacións

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará cualifica de “extraordinariamente grave” que non se incluíse o preceptivo informe do organismo na avaliación ambiental do proxecto

 O portavoz nacionalista de Infraestruturas e Medio Ambiente, Luís Bará, reclamou no pleno do Parlamento que Augas de Galiza emita o informe que lle corresponde sobre o proxecto de parque empresarial que a Xunta está a tramitar como Proxecto de Interese Autonómico (PIA) en Pontecesures, dado que o seu emprazamento está previsto nunha zona catalogada de risco de inundacións segundo o propio organismo.

Bará considerou “extraordinariamente grave” que non se incluíse o preceptivo informe de Augas de Galiza na avaliación ambiental do proxecto, o que xunto á ausencia tamén do informe igualmente obrigado do Ministerio de Fomento, dá conta das “irregularidades na tramitación” deste parque. “Por que Augas de Galiza non informou cando un terzo da zona afectada polo parque está emprazada en zona de risco de inundacións segundo a propia zonificación de Augas de Galiza?”, preguntou en pleno parlamentario, para cuestionar a continuación se este organismo “vai facer un informe favorable a que se pavimente e se asfalte unha zona de risco de inundacións para facer un polígono industrial?”.

Logo de advertir que a ausencia do preceptivo informe de Augas de Galiza “pode ter implicacións ademais nunha futura e hipotética anulación vía xudicial” do proxecto, o deputado do BNG trasladou á Cámara non só a preocupación que hai na veciñanza da zona pola construción do parque empresarial senón tamén a do Concello de Valga, municipio veciño tamén afectado e que, pese a estar gobernado polo PP, aprobou en pleno municipal unhas alegacións contrarias ao polígono.

Neste sentido, Bará considerou o proxecto “un grave erro”, non só por estar previsto nunha área de risco de inundacións, senón tamén polo seu emprazamento arredor dunha zona residencial -na que a escasos 100 metros hai un centro de saúde, un colexio, un instituto, unha escola infantil e distintas instalacións deportivas- e dunha zona de equipamentos públicos, tanto no propio concello de Pontecesures como no de Valga. Así, recordou que na documentación incluída no propio PIA recolle un incremento do tráfico de 5.000 a 9.500 vehículos de tráfico pesado, o que implica “practicamente duplicar o tráfico actual dunha estrada autonómica”, co impacto negativo que isto representa.

Por último, advertiu que o parque empresarial, cunha superficie prevista de 326.000 m2, afecta así mesmo a unha zona de interese ambiental e de uso agrario. “Nos tempos que corren precisamos terras agrarias para producir alimentos e non ten sentido pavimentar e asfaltar unha zona que ten ese potencial”, concluíu.     

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG