parlamento galego

BNG pide a política social unha resposta contundente contra as filtracións sobre as datas de inspeccións en residencias de maiores e centros de discapacidade

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés acusou á consellería de perseguir ás persoas  denunciantes   e ocultar a  documentación de expedientes

Pediu a Fabiola García unha rectificación e investigar con rigor as denuncias  

O deputado do BNG, Iago Tabarés pediu á  conselleira de Política Social, Fabiola García, “unha rectificación” e transparencia ante as advertencias formuladas polos inspectores e inspectoras, as traballadoras de residencias, familiares e mesmo asociacións de veciños sobre as filtracións para informar aos centros da data das inspeccións.

Na súa intervención, o parlamentario do BNG explicou que na actualidade só existen 7 inspectores e inspectoras para o control de 984 centros de maiores e discapacidade, 690 centros residenciais e de atención diúrna de maiores, con pacientes  psiquiátricos e  patoloxías diversas, e 258 centros de discapacidade. “7 traballadoras para 948 centros, varias delas con destino precario e provisorio e con medios materiais escasos”.

Ademais,  cualificou de grave que a Xunta continúe mantendo un sistema “que dificulta o traballo da inspección no control das irregularidades dos  centros porque posibilita  que  as entidades sexan avisadas do día no das inspeccións”.

Neste sentido, asegurou que se e a data de inspección dun centro é fixada con antelación favorece  que a entidade sexa avisada e  podan encubrir algunhas das irregularidades  como o exceso no número de usuarias, o déficit na rateo de persoal de atención directa, no xantar, rexistro de caídas, ou a aplicación de medidas de suxeición.

Ante as advertencias dos inspectores e inspectoras e as denuncias das traballadoras,  tras unha reunión da secretaria xeral coas traballadoras da inspección acordaron mudar o sistema polo que as inspeccións eran fixadas con antelación pola xefa de servizo e autorizadas pola subdirectora. Co novo sistema, o  inspector  decidía o centro a inspeccionar entre os que tiña asignados debendo informar a xefa de servizo “só no momento de iniciar a inspección”, polo tanto co novo sistema  a dirección da consellaría non coñecía o día e hora no que se realizaba a inspección impedindo  avisar aos centros con  tempo para agochar irregularidades.

Política Social, afirmou Tabarés tiña constancia, dende hai anos, de denuncias por filtracións e preguntou se nalgúns momento estas denuncias foron investigadas.

Persecución ás persoas denunciantes

Vostedes, engadiu o nacionalista,  permitiron un cambio do sistema que impedía as filtracións dende arriba porque non tiñan máis remedio pola presión social pero volveron ao anterior sistema con “nocturnidade e aleivosía” e en vez de analizar as denuncias de inspectores e traballadoras se apresuraron a negar a veracidade e ameazar ás denunciantes.

A maiores, o deputado tamén recriminou que a consellería  negue sistematicamente a documentación sobre expedientes abertos “por feitos moi graves” e obrigue aos deputados e deputadas  a asinar   asinar un compromiso de “confidencialidade” para poder ver os expedientes. A día de hoxe,  seguimos pendentes de que remitan ao Parlamento galego, “expedientes por infraccións graves”, información que negaron e que, tras solicitar amparo á Mesa do Parlamento foilles novamente  requirida pero pola que  seguimos agardando.

“Prioricen a atención ás persoas, a defensa do seu benestar e dignidade e protexan ás traballadoras que,  a pesar das precarias condicións laborais continúan dedicadas a procurar a calidade do servizo”.  

Tras a resposta da conselleira Fabiola García que tildou  de falsas as  acusacións do parlamentario do BNG, o nacionalista recalcou que o sistema permite avisar aos centros e “existen denuncias de filtracións” por moito que vostede o queira negar e resulta “indignante”, que a máxima  responsable de Política Social recomende aos denunciantes que formulen a súa denuncia en comisaria. O seu departamento, dixo, non debe dirixirse contra os inspectores, familiares e traballadoras.

Segundo os propios datos da consellería, entre os anos 2017 e 2020 fixéronse 5.376 inspeccións e incoáronse 74 expedientes sancionadores pero descoñecemos as sancións porque a consellería non facilita ese dato, reiterou o nacionalista.

Finalmente, Tabarés tamén se referiu  a incoación dun  expediente  por falta moi grave e que antes de seren resolto,  o centro foi beneficiado cun contrato dun millón de euros, vostedes preguntou de parte de quen están?, das empresas ou das persoas usuarias.

 Comprométase cos maiores e coas traballadoras que reclaman “condicións laborais dignas” porque “non é o momento de perseguir ao denunciante”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG