- A deputada do BNG, Olalla Rodil denunciou os impedimentos para visitar “con liberdade” a tumba de Rosalía de Castro sen a correspondente autorización do Arcebispado de Santiago, titular do Panteón de San Domingos de Bonaval
O BNG volveu reclamar hoxe no Parlamento galego o uso civil, laico e titularidade pública do Panteón de Galegos Ilustres ante a imposibilidade de poder visitalo sen a pertinente autorización do Arcebispado de Santiago.
A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil considerou paradóxico que non exista ningún problema para bautizar o actual aeroporto de Santiago de Compostela co nome da poeta nacional, Rosalía de Castro, e sen embargo, o Panteón de Galegos Ilustres, “un dos principais símbolos de Galiza” que acolle a tumba da figura clave do rexurdir cultural galego non poida ser visitada con liberdade sen a conseguinte autorización do Arcebispado de Santiago.
A deputada insistiu na necesidade de ofrecer unha solución ao actual emprazamento do Panteón polo que volveu a preguntar se existe algunha medida, por parte do goberno galego, para que de novo, o “panteón sexa de titularidade pública e cun uso civil e laico” porque coa titularidade da Igrexa, “non está sendo así”, recalcou Rodil.
Pola súa parte, o conselleiro Román Rodríguez respondeu que a Xunta está disposta a un acordo conxunto con todas as forzas políticas para unha “lei autonómica que recoñeza o Panteón de Galegos Ilustres como símbolo da Cultura galega” e como xa figura no propio programa electoral do Partido popular ao que a nacionalista replicou que é necesario buscar unha solución a un espazo que na súa orixe xa foi concebido como un espazo de “titularidade pública e laico” e polo tanto, reiterou, debe recuperar esa consideración.
Por outra parte, lembrou que o Museo do Pobo galego, situado no mesmo enclave que o Panteón é de titularidade pública, neste sentido, reclamou tamén esta condición para o Panteón de Galegos Ilustres. “Debe ser público, laico, de interese cultural, posto en valor e promovido para o seu coñecemento”, concluíu.