BNG pide á dirección da CRTVG que cumpra a lei e se comprometa coa difusión da música en galego e a creación cultural

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil afirmou que o 80% das persoas, entre 10 e 18 anos, nunca ou case nunca escoita música en galego e o 40% non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego  
BNG pide á dirección da CRTVG que cumpra a lei e se comprometa coa difusión da música en galego e a creación cultural

A través dunha pregunta parlamentaria, a  deputada do BNG, Olalla Rodil reclamou á dirección da CRTVG un maior compromiso pero sobre todo, “que cumpra a lei” sobre  a difusión da música en galego e a creación cultural  para facilitara o acceso á cultura da mocidade.

A nacionalista  lembrou que recentemente, o proxecto socio-educativo “O son da nosa música”, fixo públicos os resultados dun estudo elaborado entre estudantes de 10 e 18 anos de Galiza no que preguntaba polas súas preferencias musicais. “O estudo reflicte  que  un 80% das persoas consultadas nunca ou case nunca escoita música en galego, máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego”.

O estudo, explicou Rodil, tamén   describe as preferencias do alumnado indicando que a “rapazada galega escoita maioritariamente pop e reggaetón, en castelán e inglés e faino a través das plataformas dixitais, sobre todo , YouTube, Spotify e TikTok”.

A respecto das creadoras e creadores galego tamén reflicte  as mudanzas nos hábitos de consumo no conxunto da sociedade pero moi especialmente entre as franxas de idade máis novas, así como a  “exclusión da lingua galega da educación musical, tanto nas aulas, como fóra delas e nos  medios de comunicación”.

Rodil tamén fixo referencia a  resposta do Director Xeral da CRTVG a unha pregunta do BNG, en comisión,  na que recoñeceu  que a Radio Galega Música apenas difunde o 30% do seu tempo música galega e en galego, é dicir “de cada dez cancións, só tres”.

Ante esta realidade, a deputada preguntou ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo se o ente público  está cumprindo “coa lei” e  a súa misión de servizo público coa música galega e coa garantía do dereito de acceso da poboación, especialmente moza, á creación galega e en galego e se vai a adoptar  algunha medida para garantir que a creación musical galega e en galego se difunda nos medios públicos deste país para seren  coñecida e recoñecida tamén pola mocidade.

Ademais tamén se interesou polas medidas da CRTVG no ámbito  dixital para favorecer o acceso á creación cultural e a difusión musical en galego.

Olalla Rodil recalcou que existe un gran potencial musical galego en diversos xéneros e fixo especial mención ao grupo  Tanxugueiras, candidatas ao Festival de Eurovisión, cunha canción en galego.

Tras a intervención de Sánchez Izquierdo que cualificou  o  apoio da CRTVG a música galega de “moi razoable” a deputada nacionalista  recalcou que a CRTVG “non está cumprindo a súa misión de servizo público” na difusión musical e cultural e criticou que o director xeral utilizara algúns exemplos que xa non existen como o programa Medio Bolo, en analóxico e dixital, e mesmo xustifique que agora está parado pola pandemia cando en realidade, dixo Rodil,  “gravaron o programa no ano  2018 e 19 e a pandemia comezou no 2020”.

As circunstancias da COVID 19, explicou   non impediron continuar coas programacións en directo e asegurou que de igual maneira as gravacións tamén se poderían levar a cabo, aínda que fora noutros espazos. Neste sentido  preguntou que pasa tras a transformación do Estudo 5 como espazo multiplataforma cara a dixitalización, cuestión que o Director xeral da CRTVG eludiu responder.

 

BNG pide á dirección da CRTVG que cumpra a lei e se comprometa coa difusión da música en galego e a creación cultural