O BNG pedirá no Parlamento que a Xunta cofinancie a residencia de Sarria con 250.000€

ANAPONTON VISITA SARRIA2
  • Ana Pontón e Olalla Rodil visitan o concello e piden melloras nos servizos ferroviarios para ter unha estación “viva” que preste un servizo do S XXI

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a deputada por Lugo, Olalla Rodil, abordaron na visita institucional a Sarria a situación de dous servizos básicos para este concello do interior: situación do centro da terceira idade e a prestación de transporte ferroviario, agora moi deficitario.

No primeiro caso, Pontón anunciou que o BNG vai pedir no Parlamento que o  Goberno galego se “co-responsabilice” co mantemento dunha residencia “que presta un servizo vital como é o de atender as persoas maiores na etapa máis fráxil da súa vida e que, neste momento está sendo sufragada basicamente polo Concello, ademais das aportacións dos propios usuarios e usuarias e unha colaboración por parte da Deputación”, explicou.

Sen embargo, “lamentablemente a Xunta non se ten aportado nada ao mantemento deste servizo ao longo dos últimos anos e desde o BNG imos reclamar que como mínimo asuma o 50% do custe desta residencia, -250.000 euros-, que é un ben para o conxunto da sociedade non só para a veciñanza de Sarria”, avanzou Pontón.

A portavoz do Bloque considera que esta demanda do concello, é lóxica “tendo en conta ademais que os municipios teñen serias dificultades de financiamento entre outras cuestións por un sistema que discrimina aos municipios galegos, de feito, cada residente nun concello deste país recibe 50 euros por habitante para sufragar servizos ca media estatal”, argumentou.

Para o BNG, o modo de superar este modelo inxusto “é responsabilizándose desde Galiza da xestión de todos os nosos impostos e por iso defendemos un concerto económico galego para xestionar a totalidade dos nosos recursos, o que nos permitiría financiar mellor os nosos concellos”, indicou na visita a Sarria.

Pontón, acompañada dos responsables municipais do Bloque, o concelleiro  de Medio Rural, Deportes, Participación Cidadán, Efrén Castro, e da concelleira de Cultura, Xuventude, Igualdade e Normalización Lingüística, Mónica López, inspeccionou a situación da estación de tren de Sarria.

“ADIF pretende converter á de Sarria nunha estación de tren morta cando o que queremos e unha estación viva. Non é normal que se o pasado ano se venderon máis de 5.000 billetes de tren agora Renfe por un criterio economicista e cutre pretenda deixar sen servizo a estación de Sarria”,criticou  Pontón.

Polo contrario, o BNG considera que ADIF debe potenciar o tren en Sarria e no conxunto da provincia de Lugo, “en lugar de desmantelalo como se está a facer neste momento”. “Somos cidadáns de primeira e temos dereito a un ferrocarril de proximidade que conecte as nosas vilas e cidades”, indicou Pontón, tras lembrar que cando era nena podía ir desde a súa parroquia de Oural ata Sarria en tren.

“Demandaremos a Renfe que siga funcionando esta estación e poder utilizar este servizo para fomentar o reequilibrio territorial”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG