parlamento galego

BNG leva ao primeiro pleno do Parlamento a defensa dos servizos públicos ante os recortes e privatizacións do PP e unha proposta de lei para transferir a AP-9

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará afirmou que o BNG quere as máximas competencias para Galiza  cun  financiamento que deixe de  prexudicar aos galegos e galegas

Lamentou que o Partido popular “vetara” a comparecencia dos conselleiros de Sanidade e Educación, a pesar dos problemas ante o novo curso escolar e  falta de medios materiais e humanos na prestación sanitaria

O viceportavoz nacionalista, Luís Bará avanzou que o BNG centrará o debate do primeiro pleno do curso político “na defensa dos servizos públicos e na Axenda galega para defender os intereses de Galiza”.

Na comparecencia, tras a Xunta de portavoces para ordenar a vindeira sesión plenaria prevista para os días 12 e 13 de setembro, Bará  explicou a intención do BNG poñer o foco  no “deterioro” da sanidade e educación públicas, ao que sumou a situación das residencias públicas. Nesta liña, lamentou que o Partido popular “vetara” a comparecencia dos conselleiros de Educación e Sanidade a pesar, dixo, de  seren unha solicitude máis que xustificada por toda a problemática no inicio do curso coa redución de prazas de profesorado, 60 en primaria, e 89 unidades de aulas tamén neste segmento educativo.

Este curso, recalcou, coincide cunha grande crise económica e social e vemos como o Partido popular “carece de sensibilidade e alma” para aprobar un paquete de medidas como as que propuxo o BNG, “ un cheque escolar e a  gratuidade dos libros de texto”, como medida a futuro.

Por outro lado preguntaremos ao goberno polas “filtracións” das inspeccións en residencias de maiores que, ao seu xuízo, representa “un trato de favor” da Xunta  a empresas privadas que fan negocio coa vellez. Bará denunciou a negativa do goberno galego a poñer a disposicións dos deputados e deputadas a devandita documentación sobre este asunto.

A sanidade pública, afirmou, continua evidenciando un grave deterioro coa sistemática  redución de medios materiais e humanos. “Existen centros de saúde pechados, faltan pediatras, hai sobrecarga de traballo sobre os  profesionais” e a maiores, a Xunta vén de aprobar un complemento aos médicos e médicas que traballen na sanidade pública e na privada. Dende o BNG  tamén preguntaremos pola presentación  na interrupción voluntaria do embarazo e a intención do Partido popular de “privatizar este servizo público”.

Axenda galega, autogoberno e financiamento

Bará avanzou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  preguntará ao presidente da Xunta pola Axenda galega, o autogoberno e o debate sobre financiamento. Nesta liña, considerou que Rueda actúa como un presidente tutelado desde Madrid” e cun gran complexo de “Ayuso” . Rueda vai a Xénova a recibir ordes do PP madrileño.

Tras a proposta de Urkullo diferenciando o status de Galiza, Euskadi e Cataluña co resto constatamos como Rueda defendeu “unha igualdade irreal” para poñer ao mesmo nivel a Galiza coa rexión  de Murcia. Rueda non defende en Madrid máis investimentos para Galiza e tampouco denuncia o trato de favor a Madrid convertido “nun paraíso fiscal”.

 Galiza precisa “capacidade de decisión para resolver os seus problemas” e no Estado español hai realidades políticas e  sociais  diferentes. Dende o BNG defendemos equiparar Galiza a Euskadi e Cataluña mentres Rueda pretende igualarnos “por abaixo”.

Dende o BNG, reiterou o nacionalista,  reclamamos as máximas competencias e financiamento, de aí que no vindeiro pleno presentamos unha proposición de lei para transferir a AP-9 e unha proposición non de lei para defender o uso do galego no Congreso.

No vindeiro debate de política xeral vaise evidenciar a existencia de dous modelos antagónicos, o de Rueda e o de Ana Pontón. Rueda “esgotado, sen impulso,  co deposito na reserva  e nun final de ciclo” mentres que  Pontón representa as grandes transformacións políticas, socias e económicas que precisa Galiza, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG