parlamento galego

BNG lamenta que o goberno “mire para outro lado” e non se comprometa a regular a descarga dos encoros

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez  asegura que  a descarga ou baleira é unha das causas do aumento da mortaldade de bivalvo nas rías durante a  época de choivas  e pide un protocolo para regulalas  

Afea o desinterese da consellería do Mar por  non ter en conta aos centos de mariscadores e mariscadoras que levan dous meses parados e agardando unha solución  

A deputada do BNG, Rosana Pérez lamentou que a directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo eludira responder a pregunta formulada pola nacionalista sobre a necesidade de “poñer en marcha un protocolo” para regular a descarga dos encoros, na súa opinión , unha das  causas do incremento da mortaldade de bivalvo nas rías durante a época de choivas.

Na súa intervención, a deputada do BNG indicou que a  Consellería do Mar vénse negando sistematicamente, ao igual que o  Grupo Popular votando en contra das  propostas do BNG, a  elaborar “un protocolo de desaugamento e limpeza dos encoros”, competencia do Goberno galego, agás os da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A día de hoxe, explicou a deputada, seguimos  preguntando “cal é a razón pola que a Xunta   non quere elaborar ese protocolo”.

A consellería do Mar, recalcou a deputada  “non da explicacións” e limítase, como fixo hoxe na Comisión de Pesca,  a responsable de desenvolvemento pesqueiro  limitándose a  describir unha realidade que afecta a actividade marisqueira pero sen aportar ningunha medida.

Rosana Pérez engadiu que  existe abundante lexislación que obriga a consellería  a “velar pola calidade das augas e incluso lles permite condicionar a explotación dos encoros se consideran que son un risco para  as persoas e bens situados augas abaixo ou se se puideran provocar alteracións na calidade das augas”. O proio  Plan Hidrolóxico de Galiza-Costa 2021-27,  en vigor dende febreiro deste mesmo ano, confirma que de producirse alteracións na calidade das augas poden  “provocar danos á fauna e flora, e en  particular ás poboacións de peixes e especies protexidas”.

A Xunta ten  competencias exclusivas, segundo a Lei de Augas de Galiza, nas augas das concas hidrográficas intracomunitarias, para  ordenar e planificar a xestión das augas e dos usos e aproveitamentos hidráulicos. Igual que as teñen para adoptar medidas e instrumentos de xestión e de protección dos recursos hídricos e dos ecosistemas acuáticos e terrestres vinculados á auga e non pode persistir na escusa de que “chove moito”.

Os baleirados, remarcou a deputada afectan á salinidade da auga e esta opera sobre a “mortaldade do marisco”.

A situación é “grave” pero a consellería parece no se consciente de que  miles de mariscadoras e mariscadores  permanecen paradas nas rías na  principal campaña do ano, a do Nadal, e están agardando unha resposta “que non chega” por parte do goberno.

Destas últimas choivas, pero non só destas últimas, hai incluso probas gráficas do baleirado dalgún encoro coincidindo coa baixamar. E a Xunta de Galiza non é quen de investigalo. Unha vez máis, “desenténdese absolutamente das súas obrigas”, reprochou.

Tras a intervención da directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo  que coincidiu coa parlamentaria do BNG  na grave situación do marisqueo e asegurou que se están  a realizar estudos para avaliala a  deputada replicou  que urxe axilizar os estudos para que non se eternicen igual que a concesión de axudas ás persoas que xa levan “máis de dous meses” agardando por unha  solución.

Vostedes, reitero Rosana Pérez, teñen  competencias exclusivas sobre os encoros e sobre o marisqueo pero cando teñen competencias nalgunha materia “non fan nada” e nesta limítanse a dicir “que chove moito” e poñéndose  “descaradamente ao lado das eléctricas”.

A deputada acusou ao goberno de “soberbia” por  reclamar,  unha e outra vez, as competencias exclusivas sobre o litoral e ao mesmo tempo “ser  incapaz de exercer as que xa teñen”. A mínima oportunidade que se lles presenta xa as queren devolver ao Estado, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG