parlamento galego

BNG insta á Xunta a camiñar na senda dun modelo turístico sustentable e de excelencia contrario á concepción xacobeo-céntrica do PP

Daniel Pérez
Daniel Pérez

Daniel  Pérez criticou que o Goberno galego centre todos os seus esforzos no turismo do  Camiño  e do  Xacobeo e deixe de lado  formulas máis sostibles e cun  maior  retorno económico

Aposta por aproveitar a marca XACOBEO para expandir un turismo sostible por todo o territorio galego con melloras nas comunicacións para facilitar a chegada e mobilidade dos visitantes

 O portavoz de emprego e turismo do BNG, Daniel Pérez formulou unha pregunta ao Goberno galego  sobre a  posta en marcha do programa de subvencións denominado “Bono Xove Xacobeo”.

O parlamentario do BNG instou á Xunta a camiñar na senda dun “modelo turístico sostible e de excelencia” contrario á concepción xacobeo-céntrica do Partido popular.

O deputado explicou que a liña de axudas anunciada polo presidente Rueda dirixíase ás mozas e mozos que dispuñan de carné xove, menores de 30 anos e cunha dotación de 500 euros dos que 200 eran aportados pola Xunta de Galiza. As persoas beneficiarias deste bono deberán aloxarse un mínimo de catro noites en establecementos turísticos do Camiño de Santiago, contratando un paquete quen tería ese desconto de 200 euros sobre o custe total e que, polo tanto, cubriría entre o “40 e o 50% do importe global”.

Hai uns meses, lembrou o nacionalista,  comprobamos como a peregrinación europea de mozos e mozas católicos europeos “colapsaron Santiago” coa chegada de máis de 12.000 persoas. Dende o BNG, levamos anos dicindo que o “Xacobeo é un burato negro e opaco” porque absorbe “cantidades inxentes de cartos públicos” e impide xestionar e aproveitar “os recursos turísticos de Galiza “cun modelo sostible”.

Para o deputado, é unha  oportunidade  aproveitar a forza da marca do Xacobeo para “expandir e redistribuír a riqueza xerada por un turismo sostible, diversificado e de calidade por todo o noso territorio” baixo “criterios cuantitativos” porque o actual modelo, reiterou o nacionalista, propicia un volume de visitantes que masifica a ruta xacobea nos últimos quilómetros antes de Santiago de Compostela, e sobre todo, masifica a propia capital.

Por outra banda, a proliferación de vivendas de uso turístico na capital galega  ou a peregrinación europea de mozos e mozas deste verán son un exemplo claro de que o “modelo turístico actual non é sostible”.

Ao seu xuízo, “un modelo sostible” conleva  políticas turísticas que minimicen ou teñan previsto o impacto negativo no medio ambiente, xeren emprego de calidade e estable, respecten ás comunidades locais e a súa forma de vida e aos propios viaxeiros” polo que volveu a avogar  por “unha reformulación do Xacobeo”.

Ademais do problema  de xentrificación en Santiago de Compostela, onde a comunidade local e o estudantado se ven  expulsados da cidade, moitas   vilas costeiras, sobre todo nas Rías Baixas , Costa da Morte e A Mariña manteñen un modelo turístico contrario ao concepto de sostenibilidade., engadiu.

O Bono Xove Xacobeo incrementa a masificación  

Nesta liña, remarcou que o Bono Xove Xacobeo  concentrará a todas as persoas que se acollan  na zona que máis sofre a masificación: No camiño de Santiago e con esta política a Xunta, afirmou o nacionalista “está cebando a masificación dunha zona xa ao limite”. A calidade do destino  debe  potenciar a excelencia e ser  fonte de riqueza.

Tras a intervención do Director Xeral de Turismo, José Manuel Merelles, o deputado replicou que Galiza debe contar cun modelo turístico “verdadeiramente sustentable” así como mellorar as comunicacións para facilitar a chegada de visitantes e  mobilidade no propio destino. E iso, remarcou ,   supón “superar a concepción absolutamente xacobeo-céntrica que ten do turismo o Partido Popular”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG