BNG insta á Xunta a actuar con urxencia para resolver os problemas do transporte escolar na comarca de Compostela e lamenta que o goberno eluda comprometerse

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira denunciou as deficiencias do servizo, mal estado  e deterioro dos vehículos e continuos cambios  nas rutas que repercuten negativamente nos horarios do alumnado

Educación responde con escusas ás reclamacións do BNG e declina calquera compromiso para resolver o grave problema do transporte

A deputada do BNG,  Iria Carreira denunciou no Parlamento galego as deficiencias no transporte escolar na comarca de Compostela e instou á Xunta a implementar medidas urxentes para resolver os continuos atrasos nas rutas e a acumulación das mesmas nun único  vehículo.

Carreira lamentou a falta de compromiso do goberno para actuar de urxencia co fin resolver un problema que afecta moi negativamente ao alumnado e as matrículas no rural.

Na súa intervención na comisión de Cultura, explicou que a  situación do transporte en Galiza acumula queixas e reclamacións en todo o territorio derivadas dos problemas de mobilidade pública por estrada e ferrocarril, “problemas que afectan a todas as comarcas e que teñen repercusión sobre o ensino”.

Carreira criticou que xa ao  final do curso pasado, o BNG trasladou á Cámara galega diversas iniciativas que non acadaron resposta por parte do goberno e remarcou  que os problemas do transporte escolar non se limitan polo tanto ao actual curso escolar. Casos como o do IES de Cacheiras, cuns atrasos na recollida do alumnado que chegaron a ser de 45-50 minutos ou unha hora ou o  IES de Sar, no que a equipa directiva chegou a chamar taxis para poder levar o alumnado as súa casas porque non chegaron os autobuses, constatan estes problemas.

No mes de setembro, engadiu, lonxe do inicio de curso idílico  que o conselleiro describiu na súa comparecencia en sesión plenaria, os problemas co transporte escolar persistiron e mesmo   “se agravaron”. Así puidemos ver como xa non só falabamos de atrasos, senón que foron varias as denuncias porque “estudantes viaxaron no autobús sentadas nas escaleiras, no asento das acompañantes do autobús ou incluso chegaron a viaxar de pé, porque se mandaron vehículos con menos prazas das alumnas que había na liña”. Todo isto a pesar de que por parte das equipas directivas xa se tiña enviado a documentación a respecto das persoas que ían facer uso do transporte escolar neste curso lectivo con tempo suficiente para que a empresa puidese organizar buses e condutores, recalcou.

Referímonos, insistiu a deputada do BNG, a “atrasos no transporte na recollida pola mañá e na saída do centro escolar”, que provoca que o alumnado teña que estar agardando en moitos casos á intemperie, chegue tarde ás aulas ou non xante ata entrada a tarde polo tarde que chegan as súas  casas. Atrasos, “sistemáticos” como os que producen no  Xelmírez II de Compostela, polos que as estudantes de dúas liñas ían entrar todos os día entre 10 e 15 minutos tarde nas súas clases.

Ademais salientou que a omisión de paradas polo descoñecemento de rutas provoca que o alumnado “quede en terra” como aconteceu no IES Pondal.

A parlamentaria explicou que na maior parte das ocasións, este descoñecemento débese a que “os condutores son avisados cunha marxe de antelación mínima, igual que sucede ás veces coas propias acompañantes escolares”.

Por outra banda, é habitual o mal estado dos vehículos, “ sen limpar,  con lixo tirado,  tapicería rachada quedando exposto o interior co risco de que as crianzas máis pequenas o acaben levando á boca, paneis rotos con partes punzantes, vidros estalados, limpaparabrisas que non funcionan, buses nos que hai pozas porque chove dentro, portas que non cerran ben e falta de  cintos de seguridade.

Estes problemas repítense  nos  colexios de Vedra,  Dodro,  Calo,  Roxos,  Lavacolla,  Apostol Santiago en Compostela,  IES Pondal,  Xelmírez, no  Sar, en Negreira ou a  Baña. Queixas que son notificadas polas equipas directivas e polas ANPAs, que son denunciadas nas redes sociais e na prensa, pero con escasa resposta.

Estudantes do Pino, de Touro, d Oroso,  Ordes,  Negreira,  Ames ou  Teo,  que estudan en  dependen dun transporte “que non funciona ben” polo que preguntou ao goberno como pensa resolver o mal funcionamento deste servizo.

Tras a resposta do Secretario Técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, a deputada nacionalista lamentou que unha vez máis, o goberno non amosara un “compromiso” para resolver a situación denunciada e anunciou que o BNG continuará presentando iniciativas co fin de buscar unha solución ás deficiencias do transporte escolar na comarca de Compostela.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG