O BNG reclamará ante a Comisión europea e o Goberno español unha prorroga do acordo de pesca para impedir que outras flotas, que no cumpren os requisitos, faenen na zona
O sector trasladou ás representantes nacionalistas as negativas consecuencias da expiración do Protocolo de Pesca Unión Europea- Cabo Verde que remata o 31 de agosto e amosaron a súa queixa por non ter recibido ningunha información do Goberno español e da Comisión Europea negociadora. O acordo pesqueiro tivo varias roldas de negociación entre ambas partes, máis dende o mes de maio está parado por falla de entendemento.
Ante esta situación, as nacionalistas comprometéronse a iniciar xestións ante o Congreso dos deputados e a Comisión europea ao fin de acadar unha prorroga do acordo e impedir que outras flotas como a chinesa ou americana, que non cumpren os requisitos, mediomabientais e laborais podan faenar .
O BNG xa presentou unha iniciativa no Congreso e dirixiuse hoxe mesmo aos responsables directos da negociación na Comisión Europea "para reclamar información e pedir unha solución aos barcos galegos que van ter que abandonar as augas de Cabo Verde o vindeiro 31 de agosto" ,afirmou Ana Miranda.
A portavoz do BNG en Europa recalcou que o acordo de pesca resulta estratéxico para a flota galega que faena nas augas interiores de Cabo Verde, país que tamén se ve favorecido por esta actividade e acordo.
Pola súa parte, a deputada no Congreso Olaia Fernández denunciou o desleixo do Goberno español e a inacción en defensa do sector e anunciou a presentación de iniciativas parlamentares en Madrid co fin de buscar unha solución urxente.