BNG fixa como obxectivo defender Galiza activando unha ampla axenda social e política para liderar o cambio na Xunta

Reunión interparlamentar
Reunión interparlamentar

Máxima vontade de negociación pero cunha condición: “Con Galiza todo, sen Galiza nada”, subliñou Ana Pontón tras a reunión interparlamentaria

Levará ao Parlamento a posta en marcha dun plan social para protexer ós galegos e ás galegas que peor o están pasando ante a crise de prezos

A portavoz nacional, Ana Pontón, presidiu a interparlamentaria que convocou en Santiago a toda a representación institucional do BNG nas cámaras lexislativas, -Parlamento galego, Congreso, Senado e Eurocámara-, para definir a estratexia política nun momento no que está sobre a mesa o debate do modelo territorial do Estado e o cambio político en Galiza.

No primeiro reto o obxectivo do Bloque é lograr que Galiza non se baixe do tren das nacións; no segundo, liderar o futuro goberno do País.

Ante os deputados e as deputadas, Pontón concretou os dous grandes eixos de traballo dun período que empeza co inicio deste curso político: “A defensa dos intereses de Galiza por riba de todo e en todos os parlamentos e o desenvolvemento dunha ampla e intensa axenda política e social polo cambio en Galiza, a axenda galega do cambio”, sintetizou a portavoz nacional.

Con eses dous eixos e nun contexto no que está pendente a conformación do goberno do Estado, Pontón subliñou a disposición ao diálogo do BNG pero cunha condición: “Con Galiza, todo; sen Galiza, nada”, subliñou, “a sociedade galega sabe que para nós Galiza vai primeiro; a favor de Galiza temos plena capacidade e vontade de diálogo e de acordo; sen Galiza, nada”, afondou.

Carme da Silva, Néstor Rego, Ana Pontón, Ana Miranda e Rosana Pérez
Carme da Silva, Néstor Rego, Ana Pontón, Ana Miranda e Rosana Pérez

Fixados os obxectivos,  o Bloque vai desenvolver unha ampla axenda social e política usando a súa representación en todos os parlamentos, axenda que será “ambiciosa, con sentido de País e desde a plena vontade de diálogo, contraste e acordo coa sociedade galega”, explicou Pontón. “Teño claro que Galiza non pode ser observadora pasiva dos debates deste tempo, nin estar á espera como simple espectadora do que discuten en Madrid ou Bruxelas”, alegou.

Temas que afectan de cheo ao futuro dos galegos e das galegas como o modelo territorial, o financiamento autonómico, a crise de prezos, a emerxencia climática ou os avances en igualdade. “Cuestións de máxima relevancia na que Galiza ten que ter unha posición propia e firme”, explicou a portavoz nacional, que considera urxente “pensar Galiza e o mundo desde nós e desde esa posición de autoestima e fortaleza poñer en marcha os cambios que precisa o País”.

Entre eses cambios, Pontón citou articular o territorio para garantir conexións e mobilidade; un pacto verde; un modelo sostíbel e de calidade nos servizos públicos, un grande acordo político e social en favor da lingua galega ou aplicar medidas de calado económico que creen emprego e riqueza. Neste sentido, o BNG reitera a necesidade dun pacto pola ciencia e a innovación e activar unha estratexia atlántica entre Galiza e Portugal así como dun modelo enerxético a favor do País.

“Son algunhas das cuestións nas que Galiza precisa ter posición propia e con ese obxectivo iniciaremos toda unha batería de propostas que enmarcamos no que denominamos axenda do cambio galego”, explicou Pontón, axenda que estará directamente vinculada ao programa de goberno do BNG para as vindeiras eleccións.

O mellor goberno da historia

“Porque o meu obxectivo e o do Bloque non é quitar ao PP da Xunta sen máis: Quero ser a presidenta de Galiza para poñer en marcha o mellor Goberno galego da nosa historia,  preparado para liderar o País desde o primeiro día, cun proxecto solvente, claro e transformador e con ese reto imos desenvolver nos vindeiros meses unha intensa axenda para o cambio galego desde os diferentes parlamentos”, destacou.

En relación aos temas que están sobre a mesa, Pontón detívose na difícil realidade na que viven miles de galegos e galegas que soportan as consecuencias da suba de prezos, da perda de capacidade adquisitiva, do incremento das hipotecas e do deterioro dos servizos públicos.

Medidas a favor da maioría

“Para facerlle fronte a esta situación, e diante da incapacidade do goberno do PP, o BNG propón un plan de medidas urxentes para protexer as maiorías sociais e xa avanzou que presentaremos no Parlamento un amplo paquete de medidas para un escudo social galego centrado en catro ámbitos:  socio-económico, sanitario, das garantías de protección social e igualdade de xénero”, avanzou Pontón.

Tamén afondou no debate sobre o modelo territorial, subliñando que é hora de recoñecer a pluralidade nacional, cultural e lingüística do Estado, criticando que a día de hoxe nin sequera se cumpre o Estatuto de autonomía 45 anos despois da aprobación da Constitución. “Imos traballar para que Galiza non quede atrás neste debate, ante un goberno do PP preso do que lle marcan desde Madrid, traballar para que manteña o seu status de nación”, concluíu.

Pontón pechou a reunión interparlamentaria poñendo en valor o gran traballo dos deputados e deputadas do BNG no Parlamento galego, do deputado Néstor Rego no Congreso, de Ana Miranda en Bruxelas e do que, asegurou, vai levar a cabo Carme da Silva.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG