parlamento galego

BNG exixe a Feixoo que "depure responsabilidades" pola vacinación da conselleira delegada de DomusVi e o seu irmán

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil advirte ao presidente da Xunta que "non pode tirar balóns fóra ante esta vacinación indecente”

BNG exixe “explicacións inmediatas” á Xunta e “a depuración de todas as responsabilidades” pola vacinación da conselleira delegada de DomusVi e o seu irmán “saltándose todos os procedementos establecidos no plan de vacinación”.

Segundo recalca a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, para o BNG “é simplemente indecente” esta vacinación feita pública hoxe e urxe ao Goberno de Feixóo a aclarar “como é posible que esta empresaria do grupo que xestiona o maior número de prazas privadas de residencias de maiores no noso país e o seu irmán acabasen nunha lista de vacinación sen ser colectivo prioritario para vacinarse contra a COVID19”.  

Rodil subliña que o Executivo galego “non pode tirar balóns fóra e facer coma que isto é un problema da empresa e que non vai co goberno deste país” porque, segundo explica, “é responsabilidade da Xunta garantir que as vacinas chegan seguindo escrupulosamente os plans de vacinación”. “E neses plans -incide- ningunha empresaria nin o seu irmán son colectivo prioritario”.

A viceportavoz do BNG advirte de que “primeiro foi a alcaldesa do PP de Boimorto e agora unha empresaria”, ao tempo que lembra que “mentres, nin sequera hai data para que se comece a vacinar ás traballadoras e ás persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar deste país que, coma todo o mundo sabe, forman parte deses colectivo prioritario de grandes dependentes que temos en Galiza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG